Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARLOS AYMERICH, VOCEIRO DO BNG NO PARLAMENTO

“Quen ten o goberno en Madrid, ten o voto emigrante”

O deputado repasa con Vieiros algunhas das claves da actualidade. Comezamos así unha serie de encontros cos diferentes voceiros parlamentarios para tratar de entender mellor o momento político do país.

R.N/R.V - 12:42 16/04/2007

Carlos Aymerich chega rouco á redacción de Vieiros. O médico xa lle aconsellou hai días unha visita ao foniatra. Porén, o voceiro do BNG no Parlamento Galego non ten reparo en contestar a todas e cada unha das preguntas. Aínda que naceu en Vigo en 1967, reside na comarca da Coruña dende hai anos, onde é profesor de Dereito Administrativo. Ten carné do Bloque dende 1993 aínda que sinala que a súa simpatía pola causa nacionalista vén de anos atrás.



Experiencia parlamentaria


“Ten que ser o BNG o que traballe por dignificar a institución. Hai intervencións, mesmo de falta de coidado nos discursos, que deputados do PP e do PSdeG non se atreverían a facer no Parlamento español. Aló (en Madrid) pode haber bronca, pero hai unha especie de respecto reverencial pola institución. Pola contra, para algúns deputados destes partidos o Parlamento de Galiza é unha especie de deputación provincial, unha cousa así que non merece a mesma dignidade e consideración”.

“Cando un grupo está moi ensimismado (en referenza ao PPdeG), e dígoo tamén por experiencia de situacións polas que ten pasado o BNG, e moi centrado no que son os seus problemas internos, cando hai unha indefinición por ver quen marca a liña ou quen dirixe nese grupo é moito máis difícil chegar a acordos. Pode haber quen se decate que aquí é mellor que haxa un consenso por unha cuestión de país pero na medida que se está nunha etapa precongresual sempre vai haber algún francotirador que se poña no lado contrario para reivindicar as esencias de non se sabe o que. Neses primeiros tempos do PPdeG, aquela “alcaldada” famosa foi montada por determinado sector e logo é certo que Alberto Núñez Feijoo tivo a axilidade de poñerse diante da pancarta. Cando un grupo está así úneos máis ter un inimigo común que unha política de acordos que pode pór moito máis de manifesto as fendas que ten ese grupo e que segue a ter”


A Reforma do Estatuto


“Négome a aceptar que isto fora un fracaso colectivo. Non, aquí o que houbo foron forzas políticas que non apostaron polo Estatuto e non digo que non sexa lexítimo que o fagan. O Partido Popular non estaba disposto a que as persoas que falan en galego teñan os mesmos dereitos ca os que falan en español. O PP, e aí, tamén por certo o PSdeG, non estaban dispostos a que Galiza tivese un estatus similar ao de Cataluña, que non é moita cousa á vista do catalán. Había que manter como mínimo o “status quo” da transición, de que aquí hai tres nacións (Galiza, Euskadi e Cataluña). Meter a Andalucía no mesmo saco supón rachar, dende o noso punto de vista, un consenso implícito que había entre as diferentes forzas políticas galegas”

“Sendo conscientes as forzas que sustentabamos o goberno desas dificultades e da actitude do Partido Popular. Tiñamos un pacto de goberno no que se explicaba que un eventual fracaso da reforma do Estatuto non podía ter unha incidencia negativa sobre a estabilidade do goberno. Se o PP pretende buscar dalgunha forma diverxencias entre BNG e PSOE neste tema non nos vai encontrar. Iso houbo alguén que o rompeu, que non foi o BNG, cando decidiu xogar un papel de árbitro, de consenso, que ao final levou ao que levou. Eu creo que se viu no debate de febreiro, Touriño asumira posicións contraditorias, compromisos distintos co PPdeG e co Bloque. Ese tipo de políticas teñen tamén consecuencias.”

“ O Bloque dende o principio xogou coas cartas viradas, e non coas cartas tapadas. Puxemos enriba da mesa cal era a nosa proposta, permitimos que os demais tiveran tempo a facer críticas da nosa proposta no canto de poren a súa enriba da mesa. Desta vez, imos esixir para sentarnos a falar que cada quen compareza co seu proxecto, porque esa é a única forma. O outro é oportunismo político, que creo que tamén houbo bastante ao longo deste proceso”.


Urbanismo


“A cuestión do urbanismo non é só unha cuestión de feismo que foi como se abordou en determinado momento. É unha cuestión ambiental e unha cuestión social. A política urbanística debe garantir o dereito de todo o mundo de acceder a unha vivenda digna e vivir nun medio ambiente adecuado. Cando se perden de vista esas finalidades vale todo: o urbanismo convértese nun mecanismo de financiamento dos concellos, dos partidos ou de enriquecemento persoal de certos dirixentes municipais sen escrúpulos.”

“Algunhas das medidas que se están a tomar son positivas. Eu creo que a Lei da Beiramar é esencialmente acertada. Supón dicir que temos que preservar o litoral porque o territorio é un ben finito e escaso e por tanto uso que e faga del moitas veces é irreversíbel. Pensamos que é un primeiro paso. Agora a lei hai que aplicala”.


“Se cadra é no PSOE onde hai problemas. Ese discurso sobre limpeza urbanística casa mal con que o actual alcalde de Foz, ou de Malpica ou o de Cambre, todos socialistas, sigan sendo candidatos. Desde o BNG asumiremos as críticas que se queiran facer, pero en ningún concello gobernado polo Bloque houbo casos de corrupción nin de degradación urbanística.”


Voto emigrante


“É moi claro. Quen teña o goberno en Madrid ten o voto emigrante. Así de claro. No voto emigrante están sendo clave os consulados, as agregadurías laborais das embaixadas, que son as que conceden pensións asistenciais e outras xestións. Son ademais quen controlan o censo, e inflúen en que se incremente en diferentes concellos segundo conveña. Proba evidente é o acontecido nas últimas eleccións autonómicas, onde o PSOE pasou a ser máis votado que o PP: xa estaban no goberno español.”

“A miña reflexión, e así veño de expoñela recentemente no Parlamento, é preguntar se hai algún outro país no mundo onde exista un 12% do censo votando nestas condicións. E cando enfrontamos a posibilidade de que en pouco tempo sexa un 20% xa entramos noutro debate: que tipo de país queremos facer? Se cadra, o que hai que pensar é que galego é quen vive, quen traballa e quen se implica en Galiza, teña a raza que teña, sexa cal sexa a súa orixe, e mesmo fale a lingua que fale. Así é como se constrúe unha nación moderna. O que está pasando é que parece que hai quen entende que ten que haber "supercidadáns" que votan en dous sitios, malia non ter implicación directa nun deles. Iso é outro debate máis amplo”.

"Bo exemplo é o caso do alcalde de Vimianzo, que recoñece que con cartos do Concello están pagando un axente electoral e recoñece que acaban de pagar un xantar para 700 comensais en Bos Aires. Nós denunciamos o caso no Parlamento e agora recoñecen que lles pediron aos asistentes o pasaporte pero din que foi para enviarlles un DVD proxectado no acto e que lle gustara moito á xente".

"Isto non pasa noutros sitios. Os emigrantes do Perú, Venezuela ou Bolivia tamén votan, pero existe un regulamento claro, hai interventores e mesas electorais, contrólase o proceso. Aquí no exterior nin se controla nin se fiscaliza o que acontece. Nin está regulamentado nin interesa que se regulamente. Pensemos que hai 15 mil mariñeiros embarcados aos que nesta altura de século se lles está impedindo votar."

Enquisas


"Eu son optimista. Penso que o Bloque ten moi boas expectativas. Vexo opcións de suba en Pontevedra, unha nova alcaldía posíbel en Ourense, e cogoberno noutras cidades: Vigo, A Coruña e Lugo, onde non haberá maiorías absolutas".

"Alén das cidades, hai expectativas de medrar en moitas comarcas: O Salnés, Barbanza, Morrazo, a zona interior da Coruña: Melide, Arzúa... En alcaldías que xa temos como Monforte, hai perspectiva de incremento, na Mariña a participación do BNG en Ribadeo, Burela e Riotorto vai traer tamén subas".


Normalización lingüística

"Hai que relanzar o debate. Se cadra ás veces houbo dúbidas á hora de formular políticas lingüísticas cara á xente nova no ámbito urbano, onde ás veces non xa non teñen unha referencia de galego falado na casa. As estratexias teñen que ir mudando, e estanse dando pasos. É fundamental manter a tensión e facer da lingua un elemento de calidade. O informe do Consello Escolar sinala algo no que o BNG insistiu especialmente: a galeguización do ensino é un sinal de calidade".

"Como pai de dous cativos eu vexo que hai outros ámbitos de atención importantes, existen outros ámbitos de socialización importantes aos que atender. Por exemplo, hai quen ría de iniciativas como a presentada por Bieto Lobeira sobre a necesidade de promover xoguetes na nosa lingua. Se o universo simbólico dos rapaces, desde os videoxogos aos filmes, se constrúe en español, é complicado avanzar".

"Respecto á percepción que se puidese ter sobre o feito de que fose o PSdeG quen asumise a secretaría xeral de Política Lingüística, hai que dicir que non é que nós renunciásemos a ela. Foi unha negociación onde nós defendemos que Política Lingüística debía estar integrada na Consellaría de Cultura, conscientes en todo caso de que debía ser unha política transversal ao conxunto do goberno. A tensión dese debate estendeuse até o final do proceso e froito diso foi a decisión de que este fose un dos poucos ámbitos onde se mantivese unha estratexia de coxestión: nomeamento por consenso e unha comisión paritaria que dirixise as actuacións. É evidente en todo caso que houbo quen non respectou ese pacto."


Pacto de goberno

"Penso que na suma, o pacto de goberno foi un acordo equilibrado e exitoso. E está funcionando ben. É lóxico que trascendan ao público diferenzas de criterio: se fósemos a mesma forza política xa non habería nada que pactar. Pero somos diferentes, temos traxectorias e proxectos distintos e estamos demostrando que malia as diferenzas que persisten, temos unha significativa capacidade de chegar a acordos."

"Seica hai quen espera que cando vai Touriño ao Parlamento o BNG sexa acrítico. Evidentemente, non estamos para iso. Se queremos converter o Parlamento no centro da vida política, hai que ser conscientes de que é a cámara quen inviste o goberno, e non ao revés. Se non estariamos no caso daquel poema de Brecht que falaba dun pobo que perdera a confianza do goberno e tiña que traballar para recuperala."


O BNG logo da última asemblea


"Cada quen ve o sinal dos tempos dun xeito, polo que máis que de adaptación aos tempos a cuestión é responder ao que espera realmente o pobo galego do BNG, que lle pide? Pois eu creo que está claro: que sexa a grande organización nacional dos galegos. Temos unha traxectoria consolidada, unha concepción de esquerdas da organización social e fundamentalmente constituímonos no gran lugar onde os galegos que lle queren a este país teñen sitio. Pensemos senón en calquera persoa que teña preocupación especial pola lingua do país: alén dos lugares máis eficaces que xa proporcionan outros colectivos, para traballar desde o punto de vista político atopará o lugar máis axeitado no BNG. Foi un proceso longo e complicado, creando infraestrutura nun contorno moi hostil."

"O debate do Estatuto foi moi positivo, permitiu facer unha campaña política non electoral, clarificar posicionamentos. Na Asemblea houbo quen cuestionou a estratexia estatutaria, pero tamén se viu que a maioría do BNG apoiou o proxecto. E iso non supón que o Bloque renuncie á autodeterminación de Galiza ou deixe de ser unha forza soberanista. Pero ao xeito que no seu momento fixera o Partido Galeguista, é ser conscientes de que se trata dun proceso que se constrúe día a día. Hai que crear conciencia nacional, ese é o camiño da autodeterminación."


4.47/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: