Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ADEGA esixe das administracións un compromiso claro a favor da veciñanza fronte á contaminación causada por Lignitos de Meirama S. A. (LIMEISA)

A Lousa, As Encrobas: a loita polo dereito á terra, á saúde e a un ambiente sán continúa logo de 30 anos

Ante os reiterados e gravísimos episodios de contaminación provocados pola actividade de LIMEISA (Lignitos de Meirama S. A.) nos lugares de A Lousa e As Encrobas (Cerceda), ADEGA esixe das administracións unha intervención urxente e decidida para obrigar á empresa a cumprir cos seus deberes ambientais. Non se pode tolerar por máis tempo que ante as múltiples evidencias de que a actividade de LIMEISA está a poñer risco a saúde humana e ambiental, a Xunta de Galiza siga sendo condescendiente coa actitude prepotente e insolidaria da empresa.

ADEGA - 13:55 13/04/2007

OS FEITOS: os veciños e veciñas da Lousa veñen sufrindo as consecuencias das continuas emisións á atmosfera do pó de carbón provinte do parque de almacenamento que LIMEISA posúe nas inmediacións da central, e situado a poucos metros das vivendas. As características deste parque (só cuberto cunha pérgola e aberto polas bandas) fan que co movemento do carbón se produza a suspensión na atmosfera de miles de kilos de partículas cada ano, que transportadas polo vento provocan unha exposición continuada da poboación. Esta contaminación tradúcese en graves problemas de saúde, alén dunha forte degradación ambiental. Deste xeito, a cidadanía ten que respirar carbón, comer carbón, deitarse con carbón e criar aos seus fillos baixo este particular maná que lles chove cada día por obra e graza de LIMEISA.

As medidas que até o de agora ten tomado a empresa para solucionar este problema só poden cualificarse de ridículas: uns aspersores que só funcionan ao detectar a sospeitosa presenza dunha cámara; un muro verde de thujas tan cativo que está varios metros por debaixo da cota máxima do carbón; ocasionais detectores de partículas convintemente situados a cuberto do pó... En definitiva, LIMEISA négase sistemáticamente a asumir as súas responsabilidades ambientais e suprimir definitivamente os vertidos, para o que sería preciso que o proceso de acumulación e movemento de carbón se realizara en recinto pechado. Non hai excusas de carácter técnico que vallan, sexa o “efecto vela” (a metade das gradas dos estadios terían voado xa) ou outro. Só é unha cuestión económica, como foi hai 30 anos para asoballar á poboación e desfacer a vila das Encrobas.

Por se isto fora pouco, nos últimos tempos ao pó negro do carbón estáselle a unir outra substancia que en forma de folerpas, probabelmente sulfato cálcico, sae da chimenea da central e chove como neve sobre todo o lugar. A empresa sostén que son emisións inertes como consecuencia da limpeza da chimenea que non se realizou en 30 anos. Pero qué empresa pode “facer limpeza” e deitar impunemente o seu lixo ao ambiente como se tivera dereito de pernada sobre a nosa saúde e a nosa terra?

AS RAZÓNS: recentes estudos están a poñer de manifesto a importancia que a contaminación por partículas ten na crecente morbilidade e mortalidade nas áreas urbanas e industriais. A OMS estima que cada ano dous millóns de persoas falecen no mundo pola contaminación do aire polas partículas en suspensión. Segundo un informe da Comisión Europea "Estratexia temática sobre a contaminación atmosférica", os peores contaminantes son as partículas en suspensión (po fino) e o ozono troposférico, que se atopan nas capas baixas da atmosfera (entre os 0 e os 17 quilómetros). Sábese que a exposición a estes contaminantes pode carrexar consecuencias que van dende leves efectos no sistema respiratorio até mortalidade prematura. Un dos aspectos máis preocupantes é o descubrimento de que non hai límites seguros. Mesmo se a exposición é a níveis baixos, estes son perxudiciais para a saúde. Unha mostra son as previsións de mortalidade no 2020 a causa das partículas en suspensión. Segundo datos da Comisión Europea, aínda que se dea mellorado a calidade do aire, os problemas de saúde asociados a esa contaminación traduciranse en máis de 76.000 mortes prematuras anuais e nunha redución da esperanza de vida. Pero é que se a contaminación segue como até o de agora, o panorama é bastante peor: nada menos que 272.000 mortes prematuras anuais.

Dende hai hai poucos anos, que os contaminantes que afectan a máis persoas por riba de calquera outro, son as partículas en suspensión. A súa perigosidade está en relación co seu tamaño: canto máis pequenas son, máis facilidade teñen para penetrar no organismo. As partículas cun diámetro de menos de 10 micrómetros (denominadas PM10) poden acceder á parte superior do tracto respiratorio, e as partículas de menos de 2,5 micrómetros (ou PM2,5) poden chegar até os pulmóns, polo que son potencialmente máis perigosas.

A exposición crónica ás partículas aumenta o risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares e respiratorias e cancro de pulmón. As Directrices da Calidade do Aire da OMS recomendan un límite de 10 microgramos de PM2,5 por metro cúbico de media anual e uns 20 microgramos de PM10 por metro cúbico. Tal como especifica a OMS, non se trata de níveis seguros, senón dun obxectivo alcanzable e aceptable para reducir os efectos sobre a saúde.

Por outra banda, existe unha ampla lexistación sobre saúde ambiental e contaminación atmosférica. No tocante ás partículas, a referenza son a Directiva 1999/30/CE e o Real Decreto 1073/2002. A este respeito, a normativa establece que os valores límite para o 2007 non poden superar os 50 microgramos por metro cúbico ao día, cun máximo de 7 días de incumprimento ao ano, ou os 32 microgramos de media anual. É máis que evidente que só unhas poucas horas de permanencia á vista da central de Meirama abonda para ver como calquera superficie recén limpa fica cuberta dunha pátina fosca de pó de carbón: coches, prantas, fiestras, incluso no interior das casas xa que as partículas penetran por case calquera parte. Dun xeito emprírico, pois, podemos comprobar cómo se ultrapasan de cotío os límites máximos de partículas, contrariamente ao que sostén a empresa coas súas análises amañadas.

AS NOSAS ESIXENCIAS: todos e todas temos o dereito inalienábel á saúde e a un medio ambiente sán. Calquera actividade industrial debe respectar estes dereitos, procurando minimizar o risco para as persoas e o medio tomando para elo as medidas precisas. O custo destas medidas debe estar incluído nos custos de producción: non pode ser asumíbel que ningunha empresa, e menos LIMEISA, pretenda privatizar os beneficios e socializar só os impactos. Por iso entendemos que a responsabilidade neste caso é exclusivamente da empresa. É LIMEISA quen ten que tomar medidas, custe o que custe, para rematar coas emisións de partículas tóxicas, reducir os fumes, rebaixar o nível de ruído e proporcionar un ambiente saudábel para os veciños e veciñas que conviven coa súa actividade. As persoas están antes que os beneficios.

As administracións deben ser garantes destes dereitos fundamentais por riba dos intereses dunha empresa privada. Deben vixiar polo estrito cumprimento da lexislación, incluidas as leis ambientais, que ante todo son leis e portanto iguais para todos/as. A este respeito, ADEGA bota de menos un compromiso máis decidido e firme da Xunta de Galiza a prol da veciñanza para resolver este conflicto. Non se pode seguir mirando para outro lado ou adoitar unha postura equidistante, porque sería asumir que a cidadanía da Lousa ten parte da responsabilidade no problema, ao mesmo nível que LIMEISA. É precisamente a empresa e só a empresa a causante dos continuos incumprimentos da lexislación, e portanto a quen lle cómpre adoitar as medidas precisas para suprimir as agresións ao ambiente e á saúde.

Por todo isto, ADEGA demanda da Xunta de Galiza, nomeadamente das consellerías de Medio Ambiente, Industria e Sanidade actuacións urxentes para rematar co terríbel problema de saúde ambiental que está a provocar a actividade de LIMEISA en Cerceda. Non se pode seguir sendo cómplice, mesmo por omisión, da actitude prepotente e insolidaria desta empresa. E para iso, a administración ten que actuar con rigor, xustiza e firmeza. Polo que atinxe a ADEGA e á plataforma de afectados/as “A Outra Cerceda”, ESIXIMOS:

-Que a Xunta de Galiza poña en marcha as medidas técnicas e loxísticas precisas para determinar de xeito imparcial os níveis de contaminación por partículas PM10 e PM2,5 que se rexistran no entorno das instalacións de LIMEISA. Estas medicións deben facerse co número e tipo de aparellos homologados e consonte ao fixado na normativa vixente. Deben tamén realizarse na forma e periodo de tempo axeitado para permitir a obtención de datos suficientementede fiábeis e representativos.

-Que dacordo coas recomendacións da OMS e as conclusións da "Estratexia temática sobre a contaminación atmosférica" e en aplicación do Principio de Precaución, se aperciba a LIMEISA do peche cautelar das instalacións do parque de carbón se nun prazo razoábel non adoita as medidas precisas para aillar en recintos pechados todos os focos de contaminación por partículas e suprimir as emisións de substancias sólidas pola chimenea da central.

-Neste senso, a administración debe esixir tamén á empresa a inmediata posta en marcha dun Plano de Viabilidade Ambiental, no que se fixen as medidas e os prazos para reducir aos límites legais as emisións de gases, partículas, ruído, vibracións etc. e supervisar mediante técnicos independentes o cumprimento deste Plano. Asemade, a Xunta de Galiza debería promover a realización dunha mesa para o seguemento destas medidas na que estén representados empresa, colectivos de afectados e grupos ecoloxistas.

Sen perxuízo do anterior, ADEGA expresa a súa vontade de poñer este caso en coñecemento da Fiscalía Especial de Medio Ambiente do TSXG para que inste a apertura dun procedemento penal por presunto delicto continuado contra o medio ambiente e a saúde pública. É preciso depurar as responsabilidades a que haxa lugar logo de décadas de impunidade e de estar contaminando a caño libre sen que os poderes públicos e a xustiza teñan feito nada para rematar con esta vergoña.

Finalmente, ADEGA fai un chamado a LIMEISA para que asuma dunha vez as súas responsabilidades ambientais. As empresas deberían facer do respecto polo medio ambiente e polas persoas un sinal distintivo e de calidade para os seus produtos. E no caso de LIMEISA, cando se cumpren 30 anos da mobilización social e ecoloxista das Encrobas, xa vai sendo hora de que pida perdón por aqueles feitos e que comece a recoñecer, empezando por un cambio de actitude, a débeda ambiental que ten contraída con Cerceda e con Galiza.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: