Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta terza coñecerase a posición do PPdeG

BNG e PSdeG dan os primeiros pasos para regular o sufraxio exterior

Os nacionalistas queren que as reformas se aproben antes das xerais e os socialistas avogan pola "seriedade e non ás présas".

Redacción - 17:45 16/04/2007
Os deputasdos Rego e Aymerich

Os deputasdos Rego e Aymerich

Os voceiros parlamentarios do BNG e PSdeG, Carlos Aymerich e Ismael Rego, respectivamente, amosaron este luns a súa disposición a activar un relatorio parlamentario para regulamentar o voto dos emigrantes.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, xa albiscara esta posibilidade a pasada corta feira, mais foi o Bloque quen formalizou a proposta o venres, co envío de senllas cartas a populares e socialistas para iniciar "canto antes" este diálogo.

Ambos os dous políticos consideraron "necesario" que o Parlamento "se involucre" na redacción dunha proposición de lei, consensuada por toda a Cámara, para introducir "mecanismos de transparencia" no proceso electoral da emigración, e poder reformar a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX).

"Rematar coas fotocopiadoras portátiles"

Carlos Aymerich salientou a necesidade de rematar co "turismo e espectáculo electoral" de moitos dos alcaldes, que nas últimas semanas viaxan a visitar o colectivo exterior, principalmente a Arxentina e Uruguai. "Hai que acabar coas comidas pagadas con diñeiro público, o estraperlo de pasaportes e as fotocopiadoras portátiles", dixo, en alusión ás prácticas dalgúns rexedores para se facer co voto dos residentes ausentes.

Pola súa banda, Ismael Rego amosouse convencido de que, con esta iniciativa, se daría "seguridade e garantías xurídicas" ao voto dos emigrantes, e se podería rematar coas "discriminacións" entre os electores que residen en Galiza e os que viven no exterior.

Sen acordo nos prazos

Porén, nin nacionalistas, nin socialistas coincidiron nos prazos e nos obxectivos deste relatorio. Así, Aymerich puntualizou que os traballos deste organismo deberían estar concluídos, como moi tarde, en setembro, para poderen ser remitidos en forma de proposición de lei ao Congreso. Desta forma, a iniciativa poderíase debater e aprobar antes das próximas eleccións xerais.

"Se chegamos ás xerais nas mesmas condicións que agora é porque a algúns partidos quizais lles conveña que o voto emigrantes sexa antidemocrático", apuntou, e lembrou que esta situación "non ten parangón" en ningún país de Europa nin de Latinoamérica.

"Nós preferimos a seriedade e o rigor antes que ás présas", respondeu o socialista Ismael Rego. Neste senso, sinalou que "non hai que facer unha carreira de obstáculos" desta proposta, e subliñou que no relatorio que se artelle para discutir este asunto cumprirá ter en conta as voces das asociacións de emigrantes.

Aumento no número de representantes

Sobre o alcance desta proposición, o BNG amosouse máis ambicioso que o PSdeG, posto que Aymerich indicou que, se coa incorporación dos netos de emigrantes, o Censo de Residentes Ausentes (CERA) vai aumentar até as 500.000 persoas, "Galiza ten que facer valer este peso". "Non só poden computar para votar, senón para que este país aumente os seus deputados, senadores e, mesmo, concelleiros", mantivo.

Nesta terza feira, os grupos parlamentarios -á espera da resposta do PPdeG á carta dos nacionalistas- reuniranse logo da Xunta de Portavoces, para abordar a creación desta comisión.


4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: