Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xa foi denunciado ante a Xunta Electoral

O alcalde de Muxía pide o voto emigrante por carta antes da campaña

"O noso mellor aval deben ser os proxectos alcanzados por este Goberno municipal do Partido Popular", di na misiva. A solicitude vulnera a lexislación.

Redacción - 11:32 17/04/2007
Alberto Blanco

Alberto Blanco

O alcalde de Muxía, o popular Alberto Blanco, está a solicitar o voto dos emigrantes deste municipio mediante carta. A misiva vai dirixida ás persoas incluídas no Censo de Españois Residentes Ausentes, CERA, segundo informa o diario La Opinión. O secretario provincial do PSdeG, Moisés Rey Martínez, xa denunciou os feitos ante a Xunta Electoral Provincial da Coruña.

Na carta que o edil envía aos emigrantes, logo de lles lembrar que teñen dereito a voto, afirma que se presenta de novo "coa esperanza e fe de ser reelixido alcalde", e engade: "O noso mellor aval deben ser os proxectos alcanzados por este Goberno municipal do Partido Popular".

Petición aberta de voto

"Nada me gustaría máis que o confirmase coa súa familia e amigos, que gozan xa de nosos obxectivos en Muxía. O noso programa de futuro será o traballo diario polo emprego, o desenvolvemento e o benestar de todos os muxiáns", continúa.

A carta conclúe solicitando abertamente o voto, tal como denuncian a oposición. "Porque temos fe en logralo, atrevémonos a pedirlle o seu voto muxián coa seguridade de que no lle defraudaremos"; e, xunto a sinatura do alcalde, figura "Fico á súa disposición para o que precise, coa esperanza de poderlle saudar en breve persoalmente".

O 27,44% do censo é emigrante

A oposición denuncia que a petición de voto que formula o alcalde de Muxía "vulnera de xeito flagrante o estabelecido pola lexislación en materia de campañas electorais", e lembra que a normativa prohibe solicitar o sufraxio antes do comezo oficial da campaña, así como despois de que finalice este período.

O alcalde de Muxía ten previsto viaxar nos vindeiros días á Arxentina, xunto con outros mandatarios do PP da zona. O CERA no municipio de Muxía é moi elevado, o 27,44% do total dos electores, segundo datos de principio de ano.


5/5 (3 votos)

Comentarios (3)

A2b2 #1 17/Abril/2007 A2b2

Recoméndolle que empregue un pouco de "chapapote" como vaselina....

A2b2 #2 17/Abril/2007 A2b2

Hai que derogar o CERA!

Barcelos #3 17/Abril/2007 Barcelos

Como xa non sabes camiñar polas rúas vasche para "CERA". Pois bótalle lume a CERA a ver se arde. Vaiche para Arxentina e non volvas que é moi caro volver. Para tí e para o concello que ten que soportarche.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: