PSOE e IU chegan a un acordo para que a norma saia adiante. Haberá unha condena expresa do franquismo no texto e eliminarase o 'tribunal de notábeis'.
A nova lei permitirá coñecer a identidade dos verdugos
El Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e Izquierda Unida (IU) acordaron desbloquear este xoves a Lei da Memoria Histórica logo de chegar a un consenso para que os xuízos realizados durante o franquismo sexan declarados ilexítimos, segundo informa o diario madrileño El País.
O proxecto lexislativo impulsado polo goberno español non convencía aos grupos parlamentarios, agás o PSOE (o PP oponse), mais apoiaban a iniciativa. Unha das eivas máis importantes era a creación dun 'tribunal de notábeis' para rehabilitar o bo nome das vítimas da Guerra Civil e o franquismo.
Alternativa de IU á primeira proposta
Izquierda Unida enviou ao PSOE unha alternativa á súa proposta inicial de que os xuízos do franquismo fosen anulados. Nesta nova, propoñíase que se recoñecese de forma oficial "o carácter inxusto das condenas, sancións e calquera forma de violencia persoal e colectiva producidas por razóns ideolóxicas e políticas durante a Guerra Civil por parte dos sublevados, así como as sufridas polas mesmas causas durante a ditadura franquista".
Ademais, solicitaban que fose declarada "a ilexitimidade, material e formal, dos consellos de guerra, do tribunal de represión da masonería e do comunismo e dos tribunais de responsabilidades políticas".
Acceso ao nome dos verdugos
O pacto alcanzado polo PSOE e IU prevé eliminar a figura do 'tribunal de notábeis' en troques desa declaración xeral de ilexitimidade dos procesos xudiciais levados a cabo durante o franquismo.
Ademais, IU logra que se eliminen algunhas mencións que igualaban aos dous bandos na contenda, así como a obrigación de ocultar o nome dos verdugos a todo aquel que queira acceder a esa información. Tamén, no preámbulo da lei farase unha condena expresa do réxime franquista por desexo da coalición.