Unha Lei de Disciplina para o "control" dos Concellos, botar abaixo edificacións sen rematar ou cursos de inglés para os cativos, entre as ideas do programa popular.
"Somos o único partido que se presenta para gañar, non para que outros non gobernen", defendeu Alberte Núñez Feijoo, presidente do PPdeG, durante a presentación das 315 propostas do seu partido para as eleccións municipais do próximo 27 de maio. Quixo destacar Feijoo que as ideas saen dun longo proceso despois de "escoitar a moita xente".
A escolma de propostas comúns a todos os concellos galegos onde aspira a gobernar o PPdeG chega baixo o lema "Centrados en ti", cun guieiro que non esquece responder ao apartado urbanístico, clave nos debates destes meses de precampaña.
Nese eido, os populares aseguran que incrementarán a "transparencia" na xestión municipal e moi "especialmente" no ámbito do urbanismo. Dese xeito, o PPdeG propón unha Lei de Disciplina e control das entidades locais que lles obrigue aos Concellos a publicar nas webs todas as normas, actas e informes de interese xeral.
Do mesmo xeito, prometen a difusión a través de internet de todas as adxudicacións de obras municipais "un día despois de acordárense" e dos convenios urbanísticos "na xornadas seguinte á súa sinatura". Tamén proxectan crear un rexistro municipal de bens inmobles, actividades e intereses, tanto dos membros da corporación como do persoal de confianza nomeado polos cargos políticos.
Subliñan ademais necesidade de potenciar a formación dos técnicos, funcionarios e cargos políticos nas áreas relacionadas coa ordenación do territorio e priorizar nos cadros de persoal municipais "a presenza de técnicos de urbanismo que aseguren o asesoramento".
O PPdeG tamén propuxo un pacto entre administracións para obrigar ao desmantelamento de todas as construcións ilegais paralizadas que fosen abandonadas por decisións administrativas ou sentenzas xudiciais.
Doutra beira, os populares propoñen unha "educación trilingüe en galego, castelán e inglés, desde os 3 anos até a Universidade", aspecto onde o líder do PPdeG indicou que "o problema dos galegos non é saber galego, senón o inglés". Nese sentido, o PP propón estabelecer programas de axudas a nivel municipal para a aprendizaxe de inglés. Por outro lado, propoñen programas intensivos de aprendizaxe do castelán e galego "para asegurar a integración dos inmigrantes".