Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ismael Rego, voceiro do PSdeG no Parlamento

"Tal e como están, as deputacións son un lastre para o país"

O voceiro dos socialistas galegos, Ismael Rego, falou con Vieiros da actualidade política. O deputado utilizou a autocrítica para mirar atrás á vez que se mostrou moi esperanzado co futuro. Xosé Manuel Barreiro (PPdeG) pechará o ciclo de encontros cos xefes de filas parlamentarios.

R.N/R.V - 11:04 23/04/2007
Tags: PSdeG Rego

Ismael Rego, nacido en 1951 en Cangas de Foz (A Mariña), é o deputado con máis experiencia nos escanos do Parlamento. Milita no PSOE dende 1978, aínda que tras anos antes afiliouse á UXT na factoría de Alúmina Aluminio (Xove). Mais tamén hai razóns sentimentais: “Meu pai militara xa no PSOE e hai vivencias que marcan bastante”. Dende 1986 é deputado.




“Teño enmarcada na casa a moción de censura contra Albor”

“Hai dous recordos que para min son moi relevantes. Un foi o da moción de censura, e eu tiña moito respeto por Fernández Albor, sempre me pareceu un señor moi serio e digno, ao que se lle valorou demasiado pouco o seu traballo e que logo foi tapado polo vendaval Fraga que veu e arrasou con todo. De feito nunca máis ninguén se acordou del no Partido Popular, semella que a Historia da Autonomía comezou con Fraga e iso é tan falso coma inxusto. Eu fun un dos asinantes da moción de censura que, por certo, teño que confesar que a teño enmarcada na miña casa porque entendo que é un fito histórico no país. O segundo momento máis relevante para min é o día que teño a posibilidade de propoñerlle á presidenta do Parlamento o candidato do PsdeG e actual presidente da Xunta de Galicia. Paréceme que é un privilexio que se outorga a poucos deputados e eu tiven a sorte de poder facelo”

“Tamén é certo que houbo momentos complicados. O día que nos demos conta que o goberno progresista de Laxe non acadaba maioría suficiente para gobernar para min supuxo unha frustración. A min parecíame que era un mal negocio para os galegos ter a Fraga como presidente, unha persoa pola que eu teño respeto, pero parecíame que politicamente representara na Historia cuestións pouco gratificantes. Que os galegos lle deran maioría absoluta a Fraga parecíame moi serio. Perdiamos o goberno progresista, que tiña feito moitas cousas, e todo o que veu despois supuxo limitacións para o país. Galiza hoxe está por detrás doutras comunidades. Nosoutros avanzamos pero tivemos limitacións. A min xa me parecía que aquela chegada ao poder de Fraga non ía ser por pouco tempo e xerou unha frustración importante”.

“Eu creo que o Parlamento tivo tres etapas: Cando eu cheguei ao Parlamento (1986) estábase vivindo unha etapa moi rica. Había uns políticos formados e maduros e con talla. Había bos oradores, fíxose unha lexislación de certa calidade. Era un Parlamento moi plural. Non había maiorías. Mesmo o grupo que acompañaba a Fernández Albor era moi plural. Lembro que moitos acordos se teñen negociado na terraza do Monroy (Praza de Fonseca). Cada vez que paso por alí véñenme cantidade de recordos á cabeza. A chegada de Fraga supuxo un revés para a institución. O Parlamento perde practicamente todo o protagonismo e o que asume o protagonismo todo é Fraga. Pasa como un furacán por riba das institucións. Hoxe hai unha nova etapa e está sendo unha novidade que os grupos políticos emenden os proxectos de lei. Durante 16 anos foi imposíbel tocarlle a un proxecto de lei. A gran novidade desta lexislatura é que o Parlamento volve gañar espazos”.

“Non me vexo en ningún outro posto”

“Eu síntome cómodo onde estou. Agradézolle ao presidente que me puxera como voceiro do grupo. E teño que recoñecer, non llo dixen nunca a ninguén, eu teño unha relación co presidente da Xunta importante. Cando houbo un cambio de proxecto político eu fun un dos que empecei co presidente no Congreso de Ourense e eso tamén me ligou. Nunca lle dixen a ninguén que quería ser voceiro do grupo pero teño que recoñecer que era a miña grande aspiración. Non sei se é un pouco presuntuoso pero tiña a sensación de que o podía facer razoabelmente ben. Primeiro porque tiña experiencia e segundo porque sabía que había que cultivar todos os días a cultura da coalición. Estou moi ilusionado co traballo co que estamos facendo e creo que un labor moi gratificante. Non me vexo en ningún outro posto”.

“PSdeG e BNG somos necesariamente competidores”

“Os deputados das dúas formacións políticas temos os nosos desencontros pero o que ocorre é que escenificalas no Parlamento pode supoñer que non saia un proxecto adiante. Este escenario nunca se deu. Hai unha boa relación persoal entre os deputados dos dous grupos, a pesar de que nunca fixemos unha reunión conxunta. Eso non quere dicir que non nos reunamos por áreas e que eu co portavoz do BNG fale practicamente todos os días. Hai complicidade e creo que o gran éxito é que houbera un programa de goberno previo que fora público. No Goberno creo que tampouco teñen excesivas dificultades. O problema está en que tanto o BNG como o PSdeG conformamos dous proxectos distintos e dirixímonos a unha franxa do electorado similar que é a progresista e polo tanto somos necesariamente competidores. O límite é que respetemos o que temos o acordado para o país nos vindeiros catro anos. E eu creo que o Goberno está cumprindo ben”.

“O gran drama é non ter contado con directrices para a ordenación do territorio”

“Véxolle un lado positivo ao debate porque estaba pendente un gran acordo sobre a ordenación do territorio. Era un debate que nin sequera se tiña dado. Vinte e moitos anos despois de ter competencias, somos das poucas comunidades que non temos directrices para a ordenación do territorio. Hai unha razón moi gráfica: Fraga fixo unha afirmación categórica cando era presidente que explica moitas cousas: Agora que xa temos as infraestruturas é o momento de ordenar o territorio. Era o que el pensaba e iso é tanto como comezar unha casa polo tellado.”

“O gran drama é non termos contado con directrices claras de ordenación do territorio, nin cunha política urbanística. Aquí cada un foi facendo o que quixo á carta e así estamos neste caos. Cuíña coa Lei do Solo intentou poñerlle couto, pero é unha lei discrecional. Facendo unha aplicación dela responsábel pode ser útil, agora esa mesma persoa pode facer unha aplicación torta e xerar un caos superior ao que hoxe existe.”


“O Goberno está tomando decisións, duras, controvertidas, que teñen como misión abrir este gran debate. Eu penso que despois das municipais temos que lograr un gran acordo polo territorio. O deseño do modelo do país correspóndelle ao Goberno de Galicia e o deseño do modelo urbanístico da cidade ou vila correspóndelle á corporación local, que o terá que facer ao amparo da lexislación urbanística que emane do Parlamento”.

“Tal e como están, as deputacións son un claro lastre para o país”

“Na situación na que están, eu creo que as deputacións son un claro lastre para o país. Aínda así nós entendemos que algún tipo de administración provincial si ten sentido. Hai que ir a un novo modelo. Se vai seguir habendo deputacións provincias non poden seguir co mesmo modelo que temos hoxe en día. É difícil que alguén as poida defender tal e como están. Curiosamente naqueles lugares onde máis fan falta os organismos provinciais, que é onde hai máis dispersión, alí están as dúas que son máis inútiles para dar estas respostas que son as de Lugo e Ourense”.

“Hai que achegar máis aos cidadáns a lexitimidade dos deputados provinciais. Tería que haber unha maior participación e que os cidadáns tiveran unha incidencia máis directa na elección dos deputados e incluso dos presidentes”

“O PSdeG vai ser a forza máis votada nas municipais”


“Son optimista e creo que o Partido Socialista vai ser a forza máis votada nas próximas eleccións municipais. Se isto é así, debería traducirse nun PSdeG participando nos gobernos das sete grandes cidades de Galicia. Tamén vería formando parte dos gobernos provinciais de dúas ou tres deputacións (A Coruña e Lugo si, e probabelmente a de Pontevedra) en Ourense a cousa está moito máis complicada. Canta máis febleza hai no entramado social máis doado é influir na vontade dos cidadáns e Ourense débelle a Baltar ser unha das provincias máis pobres de España”.

“O Partido Popular é un partido que aínda ten forza a nivel local pero eu creo que nin lle axuda a xestión que se veu producindo nos gobernos locais e tampouco lle axuda o clima que se ven producindo no Estado e o seguidismo que está facendo o actual líder do PP en Galicia.”

“Despois das municipais, Feijoo vai ter que deixalo ou mudar de estratexia”

“Eu sempre fun moi optimista. Un pode levar máis de vinte anos de deputado e ter un grao de inxenuidade. Ata cando se anunciara aquela mañá en Monte Pío que non había acordo eu era optimista. Chegamos a estar dacordo no 98% do articulado. Non nos enganemos: O Estatuto de Galicia está feito. O proceso foi exemplar, ás veces pouco entendido e pouco posto en valor. Un día creo que se poderá coller o texto que hai feito en Galicia e poñelo en comparación co das outras comunidades e verase que o galego, cando menos, soporta calquera tipo de comparación en positivo.”

“Pode haber algunha parte do PPdeG, a máis conservadora, que non lle gustaban os dereitos da cidadanía, que se contemplaban e que eran moi novidosos. Os dereitos que recolliamos marcabamos como os cidadáns podían esixir disfrutar deles. Marcaba o deseño dunhas políticas sociais para este goberno e para os que viñeran. Entre unha parte que estaba coa estratexia de Feijoo de que non houber Estatuto cun presidente socialista e sumouse tamén outra parte que non lle gustaba o Estatuto porque lle parecía demasiado avanzado socialmente”.

“Estou seguro que despois destas eleccións municipais, se o resultado é o que eu espero, Feijoo vai ter que cambiar a estratexia arredor deste tema. Dame a sensación que das eleccións municipais vai saír con algún problema. Se o resultado das elección é o que parece, vai ter que empezar a pensar en deixalo ou converterse nun líder de país, non nun líder á sombra de Rajoy e Acebes. É unha persoa xoven e ten, necesariamente que evoluir”.

“Hai un pequeno sector do PPdeG que estaba tan convencido de que ía haber Estatuto coma min. De feito, parte do meu convencemento vén de que o día anterior ao de Monte Pío, un dos portavoces, o señor Palmou, dicía que todo o que non fora no idioma establecer a palabra deber servíalle, aínda que tivera as mesmas consecuencias. No da definición identitaria todo o que non fora poñer nación ligado a un acordo parlamentario tamén lle servía. Por iso era fácil pensar que ía haber acordo. Se alguén fixo un esforzo serio arredor da cuestión identitaria eu creo que foi o BNG.”


“Na historia do PSdeG houbo algunha falta de definición do modelo de país”


“O PSdeG, non me importa recoñecelo, tivemos na nosa historia algunha falta de definición do noso modelo de Galicia como país. Quizais estivemos mirando para fóra en vez de construir dende dentro, pero o PSdeG sempre tivo un compromiso co galeguismo, aínda co máis ilustrado: Ramón Piñeiro, Carlos Casares, acabaron como deputados no Parlamento de Galicia. Por exemplo, Piñeiro fixo un gran traballo como deputado en torno á lingua e á cultura. Tivemos outra etapa con máis indefinición. Eu creo que iso se racha coa chegada de Emilio Pérez Touriño á Secretaría Xeral do PSdeG. O actual presidente ten unha clara vocación galeguista e teño a convicción plena de que os socialistas non chegariamos ao Goberno se non lle tiveramos presentado aos galegos un proxecto de país.”

“O partido hoxe en día está moi ligado e articulado a este proxecto de país que encabeza o presidente da Xunta e nese sentido somos a formación política que estamos tendo menos problemas con esta cuestión.”

“Lembro unha frase de Zapatero que é difícil que se me olvide nunha reunión que tiveramos cando el aínda estaba na oposición. El dixo que “non necesito, nin quero, que sexades os socialistas en Galicia, quero que sexades os socialistas de Galicia”.


Ligazóns

4,14/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: