Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
MALOS TEMPOS PARA O MUNICIPALISMO

Concellos no albo

Suborno, prevaricación, adxudicación irregular de obra pública, transfuguismo de urxencia, corrupción urbanística... A polémica arrodea os concellos, arestora no albo do debate, e a campaña electoral pasa polo xulgado. Malos tempos para o municipalismo. Unha reportaxe de Iago Martínez.

TEMPOS Novos - 08:00 25/04/2007
O alcalde de Fisterra autorizou a construción de 391 vivendas ao pé da praia de Langosteira

O alcalde de Fisterra autorizou a construción de 391 vivendas ao pé da praia de Langosteira

A enxurrada informativa que está a caer sobre os concellos galegos non vai coñecer acougo nesta primavera. O horizonte electoral do vindeiro 27 de maio non ha deixar que escampe antes de que o escrutinio dea paso a unha nova treboada de pactos, acordos e trasacordos de goberno. Arestora, a xudicialización da política reborda xa o cauce do urbanismo. A presión administrativa da Xunta, primeiro coa suspensión manu militari do planeamento nunha presada de concellos desviados, e máis tarde coa aprobación de medidas urxentes para frear o desleixo do litoral, viuse superada coa detención de dous concelleiros na área metropolitana de Vigo acusados de subornar a un promotor inmobiliario. Un transo semellante, da polémica e a propaganda á denuncia e ao contencioso, é o que están a experimentar agora outros recantos da xestión municipal.

A desconfianza que hai seis meses arrodeaba todo o que tivera algo que ver co urbanismo, ferramenta de acción colectiva secuestrada pola corrupción, o minifundismo cultural e a ignorancia, pexa arestora a política municipal do país. Candidatos e alcaldes baixo sospeita atoan o debate electoral que vén. A precampaña, a que se xoga nos medios e á marxe do calendario, está inzada de denuncias, investigacións e algunhas promesas que ben poderían servir para unha avaliación da clase política. Velaí, por caso, o anuncio co que Ricardo Varela, secretario de Organización do PsdeG, quere retar ao PP: non haberá ningún promotor inmobiliario á fronte das alcaldías socialistas.

O candidato popular á alcaldía de Pontevedra, o promotor Telmo Martín, dera xa no albo da polémica cando anunciara aos seus simpatizantes, na presentación da súa candidatura, que gobernaría a cidade do Lérez “coma se fora unha empresa”. Semella obvio que o ex alcalde de Sanxenxo acha na metáfora un garante de eficacia, seriedade e racionalidade na xestión da facenda pública, porque do contrario estaría a botar pedras contra o seu propio tellado electoral. Porén, as súas verbas convocan tamén unha das contradicións que a clase política está a confrontar co alento dos medios: a conciliación, no marco da legalidade, das súas responsabilidades institucionais coas súas actividades profesionais, nomeadamente na construción. Neste intre, están baixo sospeita.

Administracións no Rexistro Mercantil: o caso de Salceda

De aplicarmos a ecuación de Telmo Martín, o Concello de Salceda de Caselas podería figurar nos boletíns periódicos do Rexistro Mercantil co mesmo administrador que a sociedade limitada Viviendas Caselas. Trátase de José Manuel Fernández Rodríguez, "Chicho", alcalde desta vila pontevedresa, aspirante á reelección nas fileiras do PP coa beizón de Ana Pastor, dono desta promotora inmobiliaria e responsábel, segundo unha información do diario El País, dun edificio de vivendas que se está a construír de xeito ilegal no municipio que goberna dende o ano 1976. Alén do que aconteza ao cabo coa denuncia que un veciño presentou contra esta obra, cuestión de legalidade, o caso de Salceda obríganos a repensar onde fica o limiar entre o público e o privado.

Ao ver de José Luís Baltar, presidente da Deputación de Ourense e máximo responsábel dos populares na provincia, a coartada está nos informes técnicos. É por iso, porque o ditame dos funcionarios municipais foi favorábel, que Baltar non acha irregularidade ningunha no feito de que o alcalde e candidato do seu partido na cidade das Burgas, Enrique Nóvoa, fixera parte no aumento de edificabilidade dunha parcela propiedade dun socio seu, decisión urbanística que suporá un beneficio aproximado de tres millóns de euros logo da súa aplicación. Ao cabo, nun xesto sintomático do que está a acontecer no país, o sucesor de Manuel Cabezas á fronte do concello ourensán acabou por comparecer diante da corporación para defender a compatibilidade entre os seus negocios urbanísticos particulares e o exercicio da política.

Ben distinta foi a comparecencia do alcalde de Arteixo. Para Manuel Pose non é doado conciliar as súas actividades empresariais co cargo polo que ingresa 61.200 euros ao ano. Con quince sociedades en activo vencelladas á construción, catro delas constituídas logo de acceder ao goberno da vila coruñesa en 1995, non é de estrañar que máis dunha vez cumprira na comisión de goberno o dobre papel de presidente e de aspirante á adxudicación de obra pública. O que si é sorprendente é que non se abstivera e mesmo que optase por votar a favor da súa empresa. Erro, imprudencia ou inercia son agora palabras chave no improvisado mea culpa do rexedor, xustificacións para un xeito de proceder que non é ilegal –sábeo- pero que si cuestiona, unha outra volta, a capacidade da clase política para separar a facenda privada da pública.

As minicentrais e Paco Vázquez: da Coruña ao Vaticano

Sen irmos ao miúdo, o regueiro segue. Na Cañiza, por caso, a promotora inmobiliaria do tenente de alcalde, Gregorio Pérez (PP), ignora as ordes de paralización e derruba emitidas polo Concello que preside o senador popular César Mera, na trincheira dende o franquismo. En Narón, a porfía dun veciño na loita contra a contaminación acústica puxo á Fiscalía sobre a pista de posíbeis irregularidades no labor do arquitecto municipal, imputado ao cabo por un presunto delito de tráfico de influencias. Moi distinto é o que acontece co socialista Francisco Vázquez, zarrapicado en segundo ou terceiro grao polo chamado “escándalo das minicentrais” que arrodea ao que fora director xeral de Industria no último goberno do PP, Ramón Ordás Badía, imputado pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por un presunto delito de tráfico de influencias na concesión de explotacións enerxéticas.

A acusación pública cre que Ordás Badía, ás ordes de Fraga dende 1999 até 2005, incorreu nun delito ao concederlle parques eólicos e minicentrais hidroeléctricas ao seu cuñado, o empresario Luis Castro Valdivia. O que acontece é que catro destas empresas están vencelladas coa muller e cos fillos do ex alcalde coruñés, ademais de co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, e co armador ribeirense Antonio Vidal Pego. Aínda que ha ser o xuíz o que determine se estas persoas se beneficiaron ou non do suposto tráfico de influencias, cómpre xaora subliñar que foi despois de que o diario coruñés La Opinión se enlease nunha intensa campaña informativa arredor das posíbeis implicacións de Vázquez no caso que este decidiu deixar a alcaldía e aceptar o seu actual cargo como embaixador no Vaticano.

A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 119, abril de 2007)


5/5 (1 votos)


Comentarios (1)

olaia #1 26/Abril/2007 olaia

É unha auténtica vergoña o que está a acontecer. Os políticos cada vez deixan máis que desexar, pois entran na política só para enche-los petos.

Pero, tamén é certo, que a política éo todo, polo que é importante crer neles.

Que dilema!!!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: