Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Aumento da música en galego e portugués

O Bloque reclama máis vontade normalizadora nos medios públicos

Bieito Lobeira e Modesta Riobó presentaron unha iniciativa para que na CRTVG se cree unha axenda de expertos galegofalantes.

Redacción - 18:55 26/04/2007

Os parlamentarios do BNG Bieito Lobeira e Modesta Riobó presentaron dúas iniciativas para garantir o cumprimento do deber dos medios públicos de contribuíren á normalización do idioma. Unha das preguntas interésase polas entrevistas a expertos alleos ao país.

No texto dos nacionalistas pregúntase se o director xeral da CRTVG ten previsto tomar medidas para mellorar o modelo e os roles lingüísticos nos dous medios. Lobeira recoñece a mellora da visión de Galiza e da lingua levada a cabo nos novos programas da radio e da televisión públicas, pero afirma que se pode ir máis alá na defensa do propio.

O parlamentario critica que se recorra a expertos do exterior para dar conta de opinións fundamentadas como se no noso país non houbese “persoas tamén expertas para xogaren o mesmo papel”, o que dá pé a longas entrevistas “en perfecto español”.

Por iso, pide que se cumpra coas medidas do Plano Xeral de Normalización, onde se reclama a elaboración dunha axenda de especialistas galegos aos que acudir cando a actualidade informativa o esixa. Por outra banda, noutra iniciativa solicítase que se incorpore a voz á presentación dos programas de Radio Galega Música e que se incrementen os contidos de música galega e lusófona.


4,56/5 (9 votos)


Comentarios (1)

Xeonllo #1 29/Abril/2007 Xeonllo

Eu penso que o BNG ten moito que autocorrixir.

Nestes momentos, e nestes xa moitos últimos anos, a miña principal teima con relación ao problema nacional de Galiza, da lingua e da política é ver como os políticos de todos os partidos, incluido BNG, polo xeral falan un pésimo galego e ademais non mostran o menor interese por melloralo.

¿Como é posible que, sobre todo os nacionalistas, teñan esa atitude de desprezo e desidia diante do idioma? Comezando polo Quintana, que en anuncios publicitarios para falar a favor de compartirmos no fogar os traballos entre homes e mulleres, que dicía "[i]sartén[/i]" en vez de "[i]tixola[/i]", demostrando unha total falta de coidado nas palabras que escolle para seren emitidas durante unha tempada polos medios de comunicación. Seguindo por case todos os conselleiros da Xunta do BNG -e xa non falemos do resto-, concelleiros do mesmo BNG, etc., e acabando, por exemplo, polo candidato á alcaldía de Vigo, Santiago Domínguez Olveira.

Son dirixentes do BNG que estragan o galego cada vez que o falan, sen que o partido pareza preocuparse por iso. En realidade, o seu galego non é tal mais si un castelán mal falado, como se esa fose a marca do galego.

É o pan noso de cada día oírmos dicir cousas como "[i]todavía[/i]", "[i]unha[/i]" pronunciado como se fose "una" (propio de quen nin sequera ten oído falar en galego), "[i]rodilla[/i]", "[i]ti eres[/i]", "[i]ahora[/i]" en vez de "[i]agora[/i]", "[i]sueldo[/i]" en vez de "[i]soldo[/i]", "[i]suelo[/i]" en vez de "[i]chan[/i]", o non usar nunca o infinitivo en forma persoal, tan propio do galego e non do castelán, o uso de perífrases de futuridade con "a", tipo "[i]vou a facer[/i]", como se o galego fose castelán, confundir o pretérito imperfecto de subxuntivo co pluscuamperfecto: "[i]falase[/i]" e "[i]falara[/i]" non significan o mesmo en galego; e moitísimas cousas máis.

Por non falar do rexeitamento sistemático do uso dunha palabra tan galega como a conxunción adversativa "[i]mais[/i]", usando sempre "[i]pero[/i]". Eu coido que ata a segunda metade do século XX ninguén consideraba "pero" como galego; porén, o "pero" foi introducíndose e desprazando practicamente por completo a palabra "mais". E é curioso, porque nas regras oficiais do galeo se admitiu o "pero" e a partir daquela o "pero" arrasou esmagadoramente, porque iso é o máis fácil, é usar un termo castelán, propio dos que mesturan castelán e galego. E digo que é curioso porque oficialmente hoxe non están admitidas palabras como "[i]Dios[/i]", que é un castelanismo introducido no galego moito tempo antes que "pero", penso eu. A palabra "[i]Dios[/i]" en vez de "[i]Deus[/i]" está en Rosalía, foi unha palabra introducida probablemente nos chamados "séculos escuros" da lingua galega (XVI, XVII e XVIII), cousa que non sucede con "pero". O castelanismo "pero" non se usa sequera na primeira metade do XX. Non o usa xente como Castelao, e non aparece nos diccionarios ata a segunda metade do XX. ¿Ou non é así? Non entendo por que "[i]Dios[/i]" non se acepta (cousa que me parece ben porque a palabra verdadeiramente galega é "Deus") mais si que se acepta "[i]pero[/i]", que é un castelanismo moito máis recente.

Eu coido que o que hai no fondo de todo isto é tratar de que pareza que o galego non ten nada que ver co portugués, o cal é unha total falacia, e, por outra banda, un claro oportunismo dos políticos do BNG, que están moito máis preocupados de ocuparen cargos que da ideoloxía nacionalista ou simplemente da defensa do galego, que cada vez máis está sendo absorbido polo castelán, e eles colaboran activamente niso, mentres se lles enche a boca falando de "normalización lingüística". Tamén unha ignorancia e estupidez bastante considerables. É triste, mais... ¿poderase cambiar?.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: