Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un ministro sudanés e un líder dos 'janjaweed'

O Tribunal Penal Internacional ordena arrestar dous responsábeis dos crimes de Darfur

Acusados entre outros de "ataques indiscriminados contra a poboación civil, asasinato, violación e saqueo".

Redacción - 14:50 02/05/2007
Máis de 200.000 persoas morreron en Darfur debido ao conflito

Máis de 200.000 persoas morreron en Darfur debido ao conflito

O Tribunal Penal Internacional (TPI) emitiu esta corta sendas ordes de arresto contra un ministro do goberno sudanés e contra un líder de la milicia janjaweed, ambos sospeitosos de cometer crimes de guerra na rexión sudanesa de Darfur, segundo informou o propio tribunal.

"O goberno de Sudán ten a obriga legal de deter a Ahmad Harun e a Alí Kushayb", sinalou o fiscal do TPI, Luis Moreno-Ocampo. "Esta é a decisión do Tribunal Penal Internacional e o goberno ten que respectala", engadiu.

51 casos de crimes de guerra e contra a Humanidade

O pasado mes de febreiro, Moreno-Ocampo citara a Harun, ministro sudanés de Asuntos Humanitarios, e a Kushayb, líder da milicia dos janjaweed, como sospeitosos dun total de 51 casos de crimes de guerra e crimes contra a Humanidade incluídos os de asasinato, violación, tortura e persecución de civís en Darfur.

Segundo Moreno-Ocampo, a emisión das ordes de arresto pon de manifesto a contundencia deste caso. "Completamos unha investigación baixo circunstancias moi difíciles desde fóra de Darfur e sen expor a ningunha das nosas testemuñas", sinalou. "Transformamos as súas historias en probas e agora os xuíces confirman a súa contundencia", engadiu.

Harun atópase actualmente en Khartún, a capital. O ministro de Xustiza sudanés, Mohamed Ali al Mardi, dixo que as autoridades sudanesas levaron a cabo a súa propia investigación sobre as actividades de Harun e non atoparon "nin rastro de probas" na súa contra.

O goberno sudanés afirma que detivo a Kushayb á espera dunha investigación interna, mais varias testemuñas informaron á axencia de noticias Associated Press de que este viaxa libremente dunha localidade a outra baixo protección policial.

Entre agosto de 2003 e marzo de 2004

As atrocidades presuntamente foron cometidas durante os ataques a catro localidades, cometidos en Darfur Occidental entre agosto de 2003 e marzo de 2004. Harun e Kushayb formaban parte dunha conspiración para "perseguir a civís que asociaban cos rebeldes", declarou Moreno-Ocampo tras a investigación de 20 meses ordenada polo Consello de Seguridade da ONU en 2005.

Os seus métodos foron "ataques indiscriminados contra a poboación civil, asasinato, violación, actos inhumanos, tratamento cruel, encarceramento ilegal, saqueo, traslado forzado e destrución de propiedades", segundo as 94 páxinas do documento da acusación que explican as acusacións e a orde xudicial para o seu traslado ao tribunal con sede na Haia.

Máis de 200.000 mortos

Os enfrontamentos en Darfur provocáronlle a morte a máis de 200.000 persoas e o exilio de outras 2,5 millóns, segundo a ONU. O conflito comezou en febreiro de 2003 cando rebeldes africanos tomaron as armas queixándose de décadas de abandono e discriminación polo goberno de Khartún. Sudán respondeu recorrendo ao exército e á milicia árabe dos janjaweed.

No momento dos crimes, Harun, considerado como un dos membros do círculo máis próximo ao presidente Omar al Bashir, era responsábel da seguridade en Darfur, onde axudou a recrutar, armar e financiar aos janjaweed, segundo os fiscais. Pola súa banda, Kushayb presuntamente era o "coronel de coroneis" que comandaba os combatentes janjaweed en Darfur Occidental.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: