Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"O CURA DE VALLECAS"

Enrique de Castro: "A fe ten que ser unha oferta, non unha obriga"

Enrique de Castro, foi convidado polo Club Internacional de Prensa para participar no ciclo 'Os encontros do club' coa conferencia 'A Igrexa dos Pobres'.

Redacción - 14:53 03/05/2007

Vén de dar a súa conferencia no IES Valle Inclán de Pontevedra este mércores 2 de maio ás 20.00, e ao día seguinte, á mesma hora, estará no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. Enrique de Castro saltou ás portadas dos medios como "o cura roxo" logo de se enfrontar coa Igrexa de Madrid, ao querérenlle pechar a parroquia de San Carlos de Borromeo, no popular barrio de Vallecas. A xerarquía eclesiástica considera que a súa liturxia e catequese “afástanse dos parámetros oficiais”. Este cura de parroquia en Vallecas, formado no movemento dos curas obreiros de finais da ditadura e comezos da transición, vive dende hai case trinta anos con “nenos e nenas da rúa”, afirma que a fe non pode ser unha obriga e solidarízase co movemento okupa. Hoxe falou cos medios en Compostela do seu xeito de entender a fe.

“Hai concepcións da Igrexa diferentes: unha é máis próxima á xente, como a que propón Jon Sobrino, e outra que entende que o poder é a mediación. Lembro unha visita de Xoán Pablo II onde lle dicía aos bispos españois que hai que ocupar as esferas do poder cultural. Eu penso que o que predica o evanxeo é máis ben o contrario: Xesús pon en evidencia a mediación do poder. El afirma que o verdadeiro templo é o ser humano.” De Castro lembrou como a igrexa latinoamericana foi marxinada pola vaticanista, pero existen movementos alternativos: a teoloxía da liberación, etc. El mesmo, na súa parroquia, creou un movemento solidario co okupa, coas nais contra a droga, con antigos insubmisos, ecoloxistas en acción... E tamén ocuparon vivendas, chegaron mesmo a ocupar a Catedral de Madrid para denunciaren a situación dos presos, ou tentaron entrar tamén na Mezquita de Córdoba. “É unha riqueza que existan diferentes movementos dentro da alternativa sociocultural. Vivimos nunha idea falsa de seguridade creada polo estado de benestar, que realmente non é se non a costa da inseguridade dos excluídos. O movemento antiglobalización ten que ser ben recibido, como todo o que camiñe cara á utopía.

Tamén amosou a súa postura en torno ás oenegués: "todos os que facemos algo á marxe da administración somos organizacións non gobernamentais, aínda que eu preferiría chamármonos paragobernamentais. A maioría das oenegués non son máis ca correas de transmisión para o control da sociedade marxinal. Aparecen e comezan a proliferar a partir dos 80, e todas dependen e seguen as normas da Administración. Por outra banda, a súa política é asistencialista, o que é moi perigoso. Isto oponse a unha organización revolucionaria, e dígoo no sentido máis pacífico do termo: o que se trata é de conseguir que a xente non se deixe manipular, que recuperen a fe e a capacidade de decidir, non de ir “salvar” a uns “pobriños”. Por exemplo, odio o termo “casas de acollida”, porque é un estigma para os rapaces. Nós o que propoñemos son casas abertas."

A súa crítica do poder, do colonialismo e da propia Igrexa veñen acompañadas da bÅ›uqueda de novos paradigmas. "A vosa Casa Encantada (local social compostelán nacido a raíz do movemento okupa) é un espello do que se pode conseguir. Eu o que non entendería sería unha crítica ao poder sen propor alternativas. E na Igrexa sempre houbo movementos críticos, dende que Bartolomé de las Casas se opuxo ao sistema de colonización brutal que estaban a sufrir en Latinoamérica".

Sobre o debate encol da intervención eclesíastica nas decisións dun Estado laico, afirmou: "a Igrexa non pode tentar impoñer a fe: debería de alegrarse de que haxa unha lei que recoñece o dereito a casar ás persoas do mesmo sexo, e non pode pretender impoñerse a través do ensino. A fe adquírese a través da experiencia, non porque se imparta unha catequese. Iso máis ben produce rexeitamento. A fe ten que ser unha oferta, non unha obriga.


4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Enrique de Castro, o "cura de Vallecas"
Enrique de Castro, o "cura de Vallecas"