Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DIN QUE HIPOTECA O FUTURO DOS ALUMNOS

Protestas contra o uso de Microsoft nas aulas galegas

Os grupos de software libre mobilízanse en resposta ás negociacións da Xunta con Microsoft e o pago de 1,4 millóns en licenzas.

M.V. - 14:07 04/05/2007

O Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPON) acaba de anunciar o lanzamento dunha campaña de protesta contra un posíbel acordo da Xunta con Microsoft para introducir máis programas da multinacional norteamericana nas aulas do ensino público galego.

A web deste colectivo explica que “dende GALPON e outros grupos de software libre galegos enviaremos instancias ao goberno preguntando por este suposto acordo” . Varias asociacións de usuarios rexeitan que a Xunta negocie con Microsoft o uso dos súas aplicacións nas escolas. Tamén están en contra do recente pago de 1,4 millóns en licenzas por parte da Consellería de Presidencia.

Roberto Brenlla, de AGNIX, asegura que a aposta polos produtos de Microsoft vai en contra do Plano Estratéxico da Sociedade da Información (PEGSI), guía da política tecnolóxica galega aprobada polo Consello da Xunta. Este punto de vista é compartido por GALPON e o Grupo de Usuarios de Linux (GPUL) da Coruña. “Será o noso goberno bipartito capaz de cumprir coas súas propias promesas? Síntoo, descoñezo a resposta”, laméntase Brenlla.

Reunión con Touriño
Dende GALPON advirten que “estaremos pendentes de se se vai hipotecar o futuro dos galegos en materia de educación fomentando o uso de software privativo ou se pola contra se promociona o uso de software libre tal e como aprobou o Parlamento recentemente no PEGSI”.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reuniuse coa presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa María García, o pasado 18 de abril. García defende que o uso de programas libres nas aulas prexudica a opcións dos alumnos de teren sitio no mercado laboral.


4,94/5 (16 votos)

Comentarios (6)

dulaman #1 6/Maio/2007 dulaman

Pois eu non quero que por culpa da moda de Linux e demais caralladas, fiquemos outros dezaseis anos sen Windows en galego, cando xa o hai até en chamarro.

RiQee #2 6/Maio/2007 RiQee

DULAMAN: dende fai tempo xa hai parches de Windows para traducilo galego, así como corrector de galego para o "office".
Iso si, "en principio" tes que ter software "legal", para instalalos.
o teu windows é legal? disque a MODA está en piratealo...

casdeiro #3 7/Maio/2007 casdeiro

Noraboa por estas iniciativas, ás que amoso todo o meu apoio. Hai que forzar aos políticos a que sexan coherentes... manda truco!

Sara_Mago #4 8/Maio/2007 Sara_Mago

Tendes Windows pelo menos em dous dialectos galegos: galego de Portugal e galego do Brasil.

Mas a gente da Galiza prefere comprar o Windows em castelhano de “Castilha” e, os mais “comprometidos”, depois põem-lhe um “parche” para “traduzi-lo” ao galego. Eis a diferença entre uma língua e um dialecto: um “parche”. O galego viria sendo logo um espanhol com “parche”.

Claro que com o Linux temos gratuitamente o sistema operativo em galego(s), sem “parche” e mesmo em castrapo, também sem “parche”.

Poderíamos ter língua (internacional), mas preferimos ter dialecto (do espanhol).

Manda “parche”!

Sara_Mago #5 8/Maio/2007 Sara_Mago

Remendo para a tradução galega do meu texto: onde diz "parche" leia-se "remendo".

Rubenix #6 17/Xuño/2007 Rubenix

Linux non é unha moda. Na miña facultade os profesores de programación aconsellannos que o usemos porque será o futuro. Software libre, gratuíto, sen virus, máis rápido, estable, máis persoal, e ó usalo sabes cómo funciona...
Teñolle o parche a windows pero con linux xa ven nativo... Eses millóns de euros que se gastan en sofware estranxeiro pódense invertir en producir software propio aquí en Galicia. Véxase o exemplo de Guadalinux. Que aforrou diñeiro ós empresarios andaluces, diñeiro que non foi parar a América senon que quedou en España...
Unha moda será o das pantallas que fixo Microsoft sobre unha mesa, iso sí que é moda e marqueting...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: