Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
DEBATE EN TEMPOS NOVOS

Políticos e calidade democrática

Nas vésperas dunha nova cita electoral no local, os partidos esquecen os debates de fondo polas consignas fáciles e a munición máis efectista e devastadora para o adversario. O urbanismo -corrupción, especulación e pelotazo- pasa ao primeiro plano como ferramenta útil para acadar a meta proposta, gañar as eleccións, mais ninguén discute sobre modelos que axuden a construír país. A calidade da democracia está en cuestión, un debate entre Nieves Lagares, Antón Baamonde e Xosé Manuel Sabucedo moderado por Manuel Pérez Rúa e recollido por Belén Puñal coa axuda das fotografías de Quico López.

TEMPOS Novos - 08:00 09/05/2007
Nieves Lagares, Antón Baamonde, Manuel Pérez Rúa e Xosé Manuel Sabucedo

Nieves Lagares, Antón Baamonde, Manuel Pérez Rúa e Xosé Manuel Sabucedo

A calidade da democracia está en cuestión. Son responsábeis tanto os políticos e políticas, centrados no caneo curto e en conseguir aquilo que lle axude a gañar méritos ante a veciñanza (aínda que se multipliquen servizos e se dupliquen portos exteriores). Mais é tamén responsábel a cidadanía, que prioriza o seu beneficio particular a unha xestión máis racional que repercuta no conxunto da comunidade. Poñemos baixo a lupa da análise a política municipal galega, a súa evolución, o perfil dos políticos ao uso, a súa relación coa casuística municipal que os sitúa baixo sospeita (sobre todo no referido á corrupción urbanística) e o escaso interese por vincular o debate local nun debate máis amplo que incardine os intereses máis próximos no reto de construír país.

Manuel Pérez
Rúa: Case van trinta anos de políticas democráticas. Diferenciariades distintas etapas dentro do municipalismo dende ese 1979 no que se celebran as primeiras eleccións locais até agora? Como eran os políticos que accederon entón ás listas electorais e ás institución e como son na actualidade?


Antón Baamonde: En Galicia hai partidos que practicamente non cambiaron as súas cúpulas dirixentes nos últimos trinta anos. A hexemonía do fraguismo e esa especie de pacto entre Manuel Fraga e Paco Vázquez, mediante o cal Fraga se reservaba a Xunta e o PSdeG-POE as cidades, tivo a Galicia no conxelador durante todo o período do fraguismo. E iso é verdade respecto do que durante anos foi partido de goberno, que non obstante sufriu as súas pequenas modificacións, como dos partidos de oposición. O recambio xeracional é moi recente. No BNG segue habendo a mesma cúpula dirixente dende os anos 80, e no caso de PSdeG-PSOE acaba de cambiar hai nada e está formada por xente que e en todo caso proveñen do PC e das experiencias do final da transición.


Nieves Lagares: Nestes trinta anos cambiaron moito os partidos e o modelo de políticos, o que ten efectos nas funcións, na organización e nas elites das formacións. Nas orixes dos partidos, finais do século XIX e principios do século XX, as diferenzas entre distintos tipos de políticos tiñan moito que ver coa súa extracción. Nun segundo momento, a diferenza básica estabeleceuse entre os que eran profesionais dende dentro dos partidos e aqueles que viñan de fóra dos mesmos. Nun terceiro momento máis próximo ao que vivimos agora, mantense ese debate entre os tecnócratas e os orgánicos. O modo de facer política cambiou porque cambiou o xeito de funcionar dos partidos, que xa non son organizacións pechadas. Volvéronse moito máis permeábeis á sociedade, e contan a miúdo co apoio de simpatizantes, votantes e organizacións que están dalgún modo cerca deles. Polo tanto, os perfís das elites dos partidos e dos políticos é moito máis diversa e complexa que hai algún tempo.


Xosé Manuel Sabucedo: O contexto político que se deu na transición e nos anos seguintes era moi diferente ao actual. As persoas que naquel momento accederon á política levaban moito tempo traballando por un cambio, estaban moito máis ideoloxizadas e tiñan máis capacidade de compromiso e mesmo de entendemento cos outros, porque naquel momento era fundamental facer un novo estado, un novo sistema político. Neste momento, nun contexto diferente, o perfil do político é máis profesionalizado, cun corte máis técnico.


A.B.: Os partidos obreiros, de masas, foron substituídos polos partidos que hai agora, de clase media e centrados na xestión. Desapareceu a perspectiva revolucionaria. Antes eran partidos de militantes, de clase. Agora, a situación é distinta. Hai unha frase de Gianni Sartori na que afirma que non ten amigos de certa honorabilidade propia e cun nivel económico aceptábel que queiran meterse en política. Lido ao revés, isto significa que os que se meten hoxe en día en política son xente dun nivel económico baixo e con ansia de saír na foto. En Galicia todos nos coñecemos e, se es concelleiro, á parte da foto, hai uns salarios que melloran.


X.M.S.: Canto á evolución da política municipal, eu creo que nisto Galicia, como en moitas outras cousas, é distinta ao resto do Estado. Faltou unha sociedade civil forte e polo tanto carecemos daquela dinámica transformadora que houbo noutros sitios.


A.B.: Creo que houbo distintas fases na historia da política municipal. A de UCD é unha época moi viva. Porén trala maioría absoluta en España de González, e a gran maioría natural de Fraga en Galicia, as augas comezaron a remansar. Insisto en que é imposíbel entender os últimos 25 anos sen o pacto Manuel Fraga e Francisco Vázquez. Dun lado o PsdeG-PSOE se reservaba as cidades, e Fraga a Xunta. O BNG tiña presenza en certas vilas de carácter medio, pero no básico estaba excluído das grandes cidades, das deputacións e da Xunta.


M.R.: Para unha parte da cidadanía, bo alcalde significa ser un bo conseguidor, en base á relación que se manteña cos poderes de instancias superiores. En todo este tempo cambiamos uns alcaldes polos outros pero as situacións estruturais mantéñense. En Galicia, salvo moi honrosas excepcións, non hai corporacións nin alcaldías que poidan servir de referente canto ao diálogo coa cidadanía e o talante democrático.


N.L.: Non vexo tantas diferenzas entre o que se fai en Galicia e o que ocorre noutras partes do Estado español en política municipal. É certo que en Galicia a dispersión da poboación ten uns efectos, pois cando se fai política para menos xente o destinatario está moito máis identificado. Mais isto pode pasar en calquera outra parte onde se dea tal circunstancia, non creo que sexa algo específico da política galega
.

X.M.S.: Galicia non é un lugar á parte, pero si hai aspectos que aquí están máis acentuados que noutros sitios por cuestións históricas, políticas e sociais. Reparemos no discurso que existe neste país respecto a cal debe ser a función dos políticos e da política, e como se percibe e se valora. O último barómetro do CIS revela que a maioría dos habitantes non confía na clase política e pensa que os políticos están nos seus postos para enriquecerse. Fixádevos a quen temos como modelos de bos políticos. Coido que Paco Vázquez está nestes momentos entre o tipo de alcalde preferido entre os cidadáns
.

N.L.: Entendo a posición da cidadanía e paréceme moi sensata. Se me poño na tesitura de votante e cidadá dun municipio, o que lle pido ao meu alcalde é que me resolva os problemas da miña cidade, e que me consiga todo o que poida para a miña cidade. A min paréceme unha concepción positiva da política.


X.M.S.: Pero poden facerse moitísimas máis cousas en política municipal á parte de paseos marítimos, sobre todo nun país con escaseza de recursos en moitos ámbitos
.

N.L.: Cando sondamos as percepcións e as opinións do electorado dende a Facultade de Ciencias Políticas, vemos que o que pide é unha persoa competente, eficaz, que sexa capaz de resolver os problemas da súa cidade, e en ningún momento sae detrás diso a idea de conseguidor como algo negativo
.

X.M.S.: Un alcalde ou un político en xeral, á parte de conseguir cousas para a súa cidade, debe ter un outro tipo de discurso.


A.B.: A Coruña era a cidade que contaba cunha elite coherente por ter sido capital no pasado e sede das institucións do Estado. Mais, até que punto houbo unha renovación desas elites? Na Coruña hai unha especie de oligopolio do poder que non foi modificado. De feito, cando Paco Vázquez entrou, na xestión urbanística, seguiu na liña dos poderes inmobiliarios. Na Coruña houbo un conservadorismo evidente e insistiuse nun modelo de cidade financeira e de servizos que resultou frustrado. O tal oligopolio coruñés fíxolle un fraco favor á cidade e abocouna a perder peso relativo no futuro. Compostela, porén, tivo un proxecto logrado, un modelo turístico e de cidade de servizos a nivel europeo e mundial, que contou co pulo de Xerardo Estévez e que Fraga axudou a potenciar, con accións como o Xacobeo ou a Cidade da Cultura. Vigo, na miña opinión, será a cidade que vaia marcar o futuro en Galicia e Vigo, polo seu hinterland, o seu potencial económico e a súa demografía.


X.M.S.: Paco Vázquez tivo éxito en canto que conseguiu cousas para a cidade e potenciou ademais a identidade coruñesa fronte á outro tipo de identidades. Cuestiónome se este é o tipo de política municipal que este país require neste momento. Se o obxectivo dos partidos é única e exclusivamente gañar eleccións, o perfil dos seus candidatos será o que mellor se axuste a ese fin, que vén determinada ademais pola existencia de estudos de mercado que din que tipo de candidatos quere a cidadanía. Realmente a política municipal ten que reducirse a esa finalidade conseguidora
.

M.R.: O interior do país está nunha situación demográfica e económica difícil, mais chama a atención o caso de Ferrol: a cidade que en principio tiña todo, planificada e racionalista, con empresas potentes nun momento determinado, non ergue cabeza dende o punto de vista económico e político. Que pasou con Ferrol?


A.B.: Probabelmente fora unha cidade demasiado dependente do estado e non xurdira o pulo necesario dentro da sociedade civil para superar a crise. Vigo tamén sufriu a quebra da naval mais logo apareceu Rodman, que conseguiu o éxito innovando nos materiais usados para construír
.

M.R.: En 30 anos de política municipal, creáronse novos concellos, como Burela, A Illa ou Ortigueira. Esta tendencia á disgregación e ao cantonalismo, é unha característica propia de Galicia
?

N.L.: Niso tampouco somos moi distintos. En Cataluña teñen un número similar de municipios, algúns deles nacidos despois da democracia e froito de escisións.


M.R.: Mais este modelo non é sustentábel. Accións como a racionalización de servizos non tiveron éxito. Non houbo proceso de comarcalización nin nada que se lle parecese
.

N.L.: Non obstante, hai experiencias interesantes, por exemplo, na formación de mancomunidades. É certo que o proceso de comarcalización tentado polo anterior goberno autonómico fracasou estrepitosamente. Tampouco outras fórmulas, como a creación de áreas metropolitanas, tiveron o éxito esperado. Mais, aínda así, cada vez hai unha maior sensibilización por parte de moitos municipios e autoridades políticas respecto á necesidade de crear ese tipo de servizos comúns. Non teño unha visión excesivamente negativa nese sentido.


X.M.S.: A disgregación de concellos só ten sentido se achega máis servizo e calidade de vida á cidadanía, non se é simplemente asumida como unha bandeira. A cidadanía debe ser coñecedora dos seus custos e das súas vantaxes
.

N.L.: Coido que ten que ver máis coa potenciación das identidades locais...

O debate completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 118, abril de 2007)


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: