Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECISIÓN XUDICIAL

Arquivada a causa contra o actor Pepe Rubianes por "ultraxes a España"

A xuíz considera que "non existen indicios racionais de criminalidade". Os denunciantes deberán pagar as costas do proceso.

Redacción / EP - 15:28 07/05/2007
O actor galego, Pepe Rubianes

O actor galego, Pepe Rubianes

A titular do Xulgado de Instrución número 5 de Sant Feliu de Llobregat decidiu arquivar a causa contra o actor Pepe Rubianes por un delito de "ultraxes a España" e outro de "incitación ao odio", ao considerar que "non existen indicios racionais de criminalidade" en que Rubianes pedise "que se metan a España xa polo puto cú", nun programa da televisión pública de Cataluña, TV3, en xaneiro de 2006.

Asemade, a xuíz ordena o sobresemento do delito de cooperación necesaria contra o presentador do programa en que realizou as declaracións, Albert Om, e cualifica a súa conduta durante a entrevista de "profesionalmente irreprochábel".

As tres acusacións foron interpostas pola Fiscalía, a Asociación para a Defensa da Nación Española e un particular, que terán que pagar cada un un terzo das costas. A xuíz considera que estes actuaron "de forma abusiva e maliciosa" e "con absoluta ignorancia dos principios de subsidiariedade, fragmentariedade e última ratio".

O auto afirma que "non se lle pode chamar provocación", segundo a define o Código Penal español, "a unha manifestación oral de escasos 30 segundos, absolutamente espontánea e que, no que se refire ao seu contido e contexto, forma parte da propia idiosincrasia do seu emisor", tal e como recolle a propia acusación particular, onde se salienta a "notoria fama de bufón" de Rubianes.

"Ultraxes a España"

A xuíz determina que a suposta provocación do actor galego é demasiado xenérica para poder ser tipificada como tal, xa que "non se pode pretender que todos os españois, polo feito de selo, se sentisen vítimas da suposta provocación".

Por outra banda, no que se refire á acusación de "ultraxes a España", a xuíz sostén que das declaracións de Rubianes "se desprende meridianamente que as expresións vertidas non van dirixidas a España, nación, senón a unha concepción de España", que o actor definiu días despois como "diferente á democrática e constitucional" e propia da época franquista.

Nese caso, a xuíz observa que "non hai ofensa nin ultraxe a España porque non hai nas palabras de Rubianes referencia a esta como nación" e "si un exercicio dos seus dereitos á liberdade de expresión e de ideoloxía".

No que se refire á acusación de inxurias graves con publicidade formulada por un querelante particular, Rómulo Antonio T.O., a xuíz considera que "non se pode dilucidar" que as palabras de Rubianes "poidan significar menoscabo" da fama do querelante, "a quen o imputado nin sequera coñece, nin de ningún outro español ou grupo de españois".


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: