Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Abranguerá un 30% máis de espazos

O 18% do país quedará protexido pola Rede Natura

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, acusou o anterior goberno de promover a especulación con terreos protexidos.

Redacción - 09:00 09/05/2007

Galiza deixará de ser pechacancelas a nivel estatal en canto a superficie do territorio protexida. Con todo, a porcentaxe total queda aínda por baixo da media estatal, que está no 20% e lonxe de proxectos máis ambiciosos, como o de Madrid ou Asturias, que protexen respectivamente o 39 e o 27% do seu territorio.

Na actualidade, a Rede Natura inclúe 59 lugares de interese comunitario e 14 zonas de especial protección para as aves, en total algo máis de 407 mil hectáreas. A curto prazo, a Xunta proxecta superar un cento de espazos protexidos e completar até 520 mil hectáreas baixo Rede Natura. Con esa meta vanse definir zonas de especial conservación en función das súas características e adaptaranse os usos a cada unha das zonas segundo os seus valores. "Deixamos o vagón de cola e imos cumprir as normas europeas", destacou o conselleiro de Medio Ambiente na comparecencia parlamentaria onde presentou o proxecto de lei.

Críticas ao modelo do anterior goberno do PPdeG
"Síntome orgulloso de ser o conselleiro que paraliza as cacicadas do PPdeG", afirmou Manuel Vázquez durante a súa intervención. O conselleiro asegurou que a política do executivo liderado por Manuel Fraga se baseou no "todo vale". Vázquez comentou por exemplo que os populares permitiron a depreciación de terreos dentro da Rede, vendéndoos a 1 euro o metro cadrado e subliñou que desde agora vaise regulamentar o uso destes espazos protexidos. "Haberá regras de xogo iguais para todos", comentou.

Desde os asentos da oposición, o deputado Xosé Manuel Barreiro cualificou de "manipulación" as acusacións de presuntos delitos realizadas por Manuel Vázquez e desafiouno a que "denuncie na Fiscalía, se ten probas". Por outra parte, desde o PPdeG defenden que o plan "foi iniciado polo anterior goberno". Ao respecto, os populares indican que "Galiza non é unha reserva natural" e chamaron a "non sentirse menos orgullosos" porque a nivel estatal estea só por diante de Melilla en canto a protección ambiental.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: