Na actualidade, o Parlamento escollía presidente para un mandato de cinco anos. No futuro, os cidadáns votarán presidente nun sistema a dúas voltas.
Logo da recente crise política, o Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, AKP, que na actualidade goberna en Turquía, conseguiu que a súa iniciativa para unha reforma constitucional saíse adiante no Parlamento. O apoio dun grupo de centro-dereita e de varios deputados independentes foi abondo para superar os dous terzos necesarios.
O proxecto da formación islamista fará mudar o sistema de escolla de presidente. Na actualidade faino o Parlamento, para un mandato de sete anos. No futuro serán os cidadáns os que voten directamente nas urnas, cunha segunda volta en caso de que ningún consiga maioría na primeira. Ademais, o xefe de Estado estará no poder só cinco anos e posteriormente poderá presentarse só a unha reelección.
O presidente saínte podería vetar inicialmente a reforma, aínda que esta sairía adiante nunha segunda quenda. De calquera xeito, podería ser tamén convocado un referendo sobre a modificación constitucional.