Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IRREGULARIDADES NAS CONCESIÓNS

Adega denuncia o alcalde de Chandrexa de Queixa na Fiscalía pola trama das minicentrais

Os ecoloxistas revelan que o estudo ambiental está feito por persoas relacionadas cos promotores do proxecto.

Redacción - 15:01 11/05/2007
Ubicación xeográfica de Chandrexa de Queixa

Ubicación xeográfica de Chandrexa de Queixa

A chamada “trama enerxética” non deixa de medrar. O colectivo Adega anunciou este venres que vai facilitar información ao fiscal sobre presuntas irregularidades na concesión dunha hidroeléctrica en Chandrexa de Queixa (Terra de Trives). Os ecoloxistas, que tamén se dirixirán ao equipo da Policía Xudicial que investiga os negocios enerxéticos, teñen constatado que o alcalde da localidade, Francisco Rodríguez Rodríguez, preside a empresa promotora da obra: Hidroeléctrica del Río Grande, S.L.

O crebacabezas comeza cando a anterior Xunta concede un aproveitamento a esta empresa, na que constan como administradores David e Xavier Castro Valdivia, irmáns de Luis Castro Valdivia, que, á súa vez, é cuñado do ex director xeral de Industria, Ramón Badía Ordás. Cabe lembrar que os dous últimos están xa imputados polo fiscal que investiga a “trama enerxética”.

Polémica adxudicación
Segundo recoñeceu o propio alcalde, Hidroeléctrica del Río Grande ten a súa sede na casa consistorial. Francisco Rodríguez xustifica isto alegando que hai unha participación pública do 10% na sociedade, mais dende Adega pregúntanse de quen é o 90% restante.

As dúbidas despéxanse lendo a memoria-resumo do proxecto que di literalmente: “Hidroeléctrica del Río Grande S.L, empresa promotora os aproveitamento, é unha sociedade con participación importante do propio Concello, xa que o presidente do consello de Administración é o propio alcalde de Chandrexa de Queixa. Pola tanto, boa parte dos beneficios redundarán directamente nos propios veciños, nun municipio necesitado de moitos recursos polas súas características”.

Estudos
No consello que administra a empresa aparece como presidente o alcalde, como administradores os irmáns Castro Valdivia, Nuria González, Servando Pérez (concelleiro do PP na localidade) e Eduardo Pita. O 20 de novembro de 2003, o director xeral de Industria, cuñado de Luis Castro Valdivia, asina a concesión no DOG.

Adega sinala que a empresa Imega, na que volve aparecer como administrador único Luis Castro Valdivia, foi a encargada de elaborar o estudo de impacto medioambiental. Os ecoloxistas coidan que a fiscalía debe investigar a conciencia unha actuación que consideran escandalosa.

Polémico parque eólico

Mais o inventario de posíbeis irregularidades non fica aí. Adega sinala que o concello está promovendo a construción do maior parque eólico de Europa en terreos da Rede Natura. No parque, propiedade de Gamesa, traballan tres persoas. Entre eles, Bernardino Rodríguez, fillo do alcalde e Xesús Martínez, fillo do ex tenente de alcalde.


Ligazóns

4.6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: