Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Miguel Mosqueira, gañador do premio de artigos normalizadores

“A lingua ten que saír á rúa, non quedar nos museos e bibliotecas”

O galardoado no certame organizado polo Concello de Carballo propón un achegamento entre as principais bolsas de falantes: o mundo da cultura e a clase obreira.

Modesto del Río - 16:57 11/05/2007
Miguel Mosqueira, gañador do premio / Foto: Sono-tone.net

Miguel Mosqueira, gañador do premio / Foto: Sono-tone.net

Miguel Mosqueira Fociños, estudante de terceiro ciclo na Universidade de Santiago e cantante do grupo musical Ataque Escampe, acadou o premio a artigos xornalísticos normalizadores que concede o Concello de Carballo.

No seu traballo, titulado Obreiras, tolos, escolares, poetas. A lingua galega nas cidades, Mosqueira expresa a necesidade de avanzar na normalización da lingua vencellando os dous principais grupos de falantes: a clase obreira e a xente do ámbito cultural, apenas relacionados entre si.

Vieiros: No artigo fálase da necesidade de interconectar os dous grupos sociais onde o galego é a lingua predominante: as clases populares, por unha banda, e o mundo da cultura, por outro. Como se podería acadar este obxectivo?

Miguel Mosqueira: O artigo non dá unha solución clara. Todo depende do contexto onde se traballe. A idea de fondo é a formación de redes asociativas e de promover actividades culturais en zonas diferentes das habituais. O traballo de dinamización lingüística ten que partir da base de que os dous sectores están moi pouco comunicados aínda que teñan características comúns.

V: Os departamentos de Normalización Lingüística están a ter en conta esta liña de actuación?

M. M.: Non sei o que fan noutros sitios, pero non está moi implantada. Supoño que ultimamente os concellos están a ter máis presupostos para os seus departamentos de Normalización Lingüística e sería un bo campo para investir en programación cultural. Que non se quede nos museos e nas bibliotecas, senón tamén que saia á rúa. Hai que coordinar as actividades coas asociacións veciñais.

V: O que expón no seu artigo é, dalgún xeito, o que fan dende o grupo do que forma parte, Ataque Escampe.

M. M.: O grupo tamén une o obxectivo popular e mais o literario, de achegamento entre os dous mundos. Somos un grupo con preocupación literaria que ve compatíbel facer unhas letras de calidade e tamén achegarse á xente. No meu artigo fálase de xente e grupos que o fixeron, como os casos d'Os Resentidos, Mareas Vivas, Quico Cadaval...

O xurado da terceira edición do premio escolleu de entre 33 obras candidatas o traballo de Mosqueira, que levará 1.000 euros e verá publicado o artigo en diversas publicacións, entre elas Vieiros. O segundo premio dotado con 350 euros e a edición nos mesmos xornais, correspondeulle a Guía da sociolingüística sexual, de Séchu Sende, mentres que Xabier Cid obtivo un accésit por Rariño seralo ti.

Os premios entregaranse o Día das Letras na Praza do Concello de Carballo. Ao día seguinte publicarase o artigo gañador do segundo premio, e o 19 de maio o de Miguel Mosqueira.


Ligazóns

5/5 (14 votos)

Comentarios (4)

forxas #1 11/Maio/2007 forxas

Infeliz o comparala cos investimentos culturais que se fan... nas bibliotecas !!! Entendo que o que se precisa é desfuncionarizar a acción normalizadora, presa de prácticas burocráticas pouco estimulantes e que mesmo provocan rexeitamento. Acho que non se pode meter todo no mesmo saco: tanto a acción na administración como a acción horizontal (sair á rúa) son necesarias, mais ambas e dúas sinalan, alén do culturalismo, unha outra práctica a miúdo esquecida, a socioeconómica que as ensarilla e as fai consistentes e as perspectiva como necesarias.Non sei se aínda é posíbel explicarmos a realidade actual co referente de prácticas culturais o o asociacionismo de hai trinta anos.

Barcelos #2 12/Maio/2007 Barcelos

Ou nas carnicerías

forxas #3 12/Maio/2007 forxas

Pois

Erasmo #4 15/Maio/2007 Erasmo

O desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística debera INCENTIVAR ECONÓMICAMENTE ós profesionais que a teñen que levar adiante.

Do mesmo xeito que se promove a cultura e a edición de materiais en GALEGO e se lles libra ás Editorias cantidades inxentes de diñeiro público, ¿sería moito pedir que se INCENTIVEN os esforzos do profesorado para levar a cabo o proceso normalizador da lingua galega?

Aqueles funcionarios que soliciten un complemento mensual
de 60 €uros brutos estarían 'obrigados' a cantas cuestións burocráticas lles foran solicitadas
por parte da Administración Educativa para comprobar o bo funcionamento das medidas adoptadas.

Os que non o soliciten poderían manter a lingua castelá nas súas aulas sen ningún tipo de problema.

Penso que a medida sería tan exitosa para a Política Lingüística que lonxe de representar un custo extraordinario nos orzamentos á medio prazo poderíamos AFORRAR MOITOS CARTOS en esforzos inútis (cursos, propaganda, plans de lectura, inspección, conflictos... un camiño que parece encantarlle á Carlos Callón polo que se pode entrever no seu escrito...)

Someto á consideración dos lectores esta INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR...

Entendendo que a liberdade de falar calquera das linguas oficiais do Estado estaría garantida e coñecendo ás necesidades económicas do sector o exito da medida podería sorprender
a máis de ún que prefire o camiño dos enfrontamentos ideolóxicos que solucionar a normalización do galego dunha vez...

Nota: As persoas que por motivos ideolóxicos quixeran renunciar ó seu complemento lingüístico voluntariamente poderían ter unha deducción fiscal do 25% da coantía anual como doazón voluntaria
á Normalización Lingüística Galega.

Aprobado un Plan de Lectura con 50 millóns de Euros até o 2011 (nos mesmos 4 anos con só NOVE MILLONS de Euros 3000 profesores poderían traballar a lectura en lingua galega nas aulas e con máis dedicación e efectividade do que supón liberar libros nas cabinas telefónicas ou repartilos nas viaxes de tren... Pero os cartos vanse sempre en FOGUETES!!! Lástima!


Presidente da RAG leva moita razón cando afirma que agora hai unha "presión maior nos institutos para que todo se someta á norma e non sei se iso é bo"... Parecera que somos os funcionarios públicos ós únicos responsables da perda do uso do galego... e debera saber o Sr.Callón que grazas a estes mesmos funcionarios docentes o Galego segue existindo hoxe... Non sei de onde ven esta 'manía' demonizadora dos mestres e profesores...

Os profesionais do ensino tamén somos de carne e oso... comemos coma todo o mundo aínda que non cobramos 'dietas' por representar a ninguén nas Institucións do pais... a nosa laboura calada de días, anos, lustros... NUNCA É RECOMPENSADA ECONOMICAMENTE... e a sociedade o sabe ben!

A Mesa emite o seu Manifesto 17 Maio 2007 pero lamentablemente non ten aberto ningún foro onde poda deixar esta INCIATIVA a prol do Complemento Lingüístico para os docentes que empreguen o galego nas súas aulas LIBREMENTE...!


E eu sigo agardando que alguén tome este asunto EN SERIO e fagamos algo máis que latricar a prol dunha lingua que de seguir así ímola enterrar entre todos...!

Erasmo.
Profesor de Filosofía en Secundaria.
Amante da súa lingua e da Liberdade...!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: