Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Esixen máis espazos de uso

A Mesa pide o emprego diario da lingua, alén das homenaxes desta semana

Coincidindo coa semana das Letras, A Mesa reclama un emprego regular do galego no ensino, na administración e nos medios de comunicación.

Redacción - 18:16 14/05/2007
Imaxe da campaña d'A Mesa

Imaxe da campaña d'A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística vai celebrar nesta Semana das Letras Galegas varios actos que serán lúdicos e reivindicativos a un tempo, baixo o lema "Temos lingua propia. Queremos vivir nela".

A Mesa manifestou, que, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, estanse a celebrar varias homenaxes por toda a xeografía galega á poeta María Mariño e ás Letras, esquecendo que a lingua galega aínda se atopa con retos específicos en varios ámbitos do día a día, coma o ensino, a Administración e os medios de comunicación.

O colectivo cidadán quere facer un chamamento especial á Xunta, e ao seu presidente, Emilio Pérez Touriño, para que "comece a funcionar" a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que o Goberno galego dirixa o proceso de recuperación e extensión social do idioma propio de Galiza, alén das homenaxes de todos os anos. Para o presidente d'A Mesa, Carlos Callón, o Día das Letras ten que ser unha xornada para activar a consciencia lingüística e construír novos espazos de uso para o noso idioma, rexeitando "a propaganda vacía, a homenaxe fúnebre á lingua" e o "cinismo" co que os cargos públicos fan "necesario" o emprego do galego só unha vez ao ano, o Día das Letras.

Plan de Normalización
A Mesa reclama novos pasos adiante en canto ao emprego do galego no ensino, cun novo decreto consensuado a cumprir integramente no novo curso escolar; na administración, coa obriga do Plan Xeral de Normalización que o Parlamento aprobou en 2004 por unanimidade; e nos medios de comunicación, a través dun traballo impecábel no emprego da lingua do país, sobre todo nos medios públicos, coma a Galega e TVE en Galiza. No referente a RTVE, A Mesa tamén puxo en marcha unha campaña baseada no ciberactivismo, promovendo o envío masivo de queixas ao Defensor do Espectador.

Coincidindo co 17 de maio, A Mesa tamén demanda, que a Axencia Tributaria dispoña de documentación na lingua propia de Galiza, xa que non se atopa nin nas delegacións nin na súa páxina web. Con este obxectivo, A Mesa iniciou unha campaña de envío de queixas ao Defensor do Contribuínte.

Ademais, A Mesa vai celebrar varios actos durante toda a semana polas vilas e cidades de Galiza, que comezarán en Lugo o martes día 15 e continuarán con dúas concentracións o día 16, na Coruña e en Vigo, e varios actos lúdicos-reivindicativos en Compostela, Ourense, Carballo, Boiro, Silleda... e mesmo en Madrid o 17 de maio, coa lectura pública dos seus manifestos.


5/5 (1 votos)


Comentarios (2)

LOIS_DE_SILAN #1 14/Maio/2007 LOIS_DE_SILAN

Os amigos da Mesa teñen choio reivindicativo para longo e largo! SEMPRE han ter un sector, ou de tres en tres!, "de uso social" do galego para pedir "máis" galego para el. Nesa homenaxe fúnebre a Mesa participa de sacristán... e non lle vai mal! A quen lle vai mal é á lingua galega, ó pobo galego, á Comunidade Lingüística Galega e ós seus membros.
Aínda o vou ter que repetir moito....NA GALIZA NA SÚA LINGUA TERRITORIAL PROPIA COMA EN "CASTELA" NA SUA (art. 14 CE), sen prexuízo de usarmos outras linguas (como se fai en "Castela"!) con quen lexitimamente aínda descoñeza a propia do territorio ( e sen prexuízo de saber o castelán mentres non sexa substituído por outra lingua de máis proxeción e funcionalidade interlingüística) (art. 14 CE).
Non hai sectores nin para a dignidade dun pobo, nin para o uso normal e sen discriminación da súa lingua! Os amigos da Mesa ides ter que deixar de beber en fontes contaminadas (sobre todo xurídicas...seudoxurídicas!), e recuperar o culto ás augas puras dos mananciais galegos. Ah...por certo, o de acudir ó defensor do contribuínte ou ó do espectador évos coma pedirlle ó raposo que garde as galiñas. Ós defensores eses cónstalles sobradamente a violación dos dereitos lingüísticos dos galegos...se queredes lograr algo que non sexa a burla de sempre presentade a correspondente reclamación previa á vía contencioso-administrativa e seguídea, de ser o caso, do correspondente recurso contencioso-administrativo por INACTIVIDADE DA ADMINISTRACIÓN correspondente no tocante ós dereitos lingüísticos. O resto évos o de sempre!...denunciar para que se rían de todos nós. Saúdos.

Barcelos #2 14/Maio/2007 Barcelos

Para cando La Voz de Galicia será A Voz de Galicia?
Para cando unha edición escrita en galego? Iso só para comezar, logo será unha edición escrita en castelán, outra en catalán o outra en euskera e o resto en galego.
E non só a primeira páxina o día das letras galegas.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: