Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

Estilos, modelos, aspiracións e promesas: segundo debate na Galega sen Touriño

"O candidato que saque máis votos é o que ten que gobernar", insistiu Alberte Núñez Feijoo. "Os socialistas somos modelo de como hai que facer as cousas", asegurou Xosé C. López Orozco. "O BNG propón un estilo propio de como entender o país", afirmou Anxo Quintana. A ausencia de Emilio Pérez Touriño foi outra vez polémica no debate da Galega.

R.N. - 09:00 15/05/2007

"Xogámonos os gobernos máis próximos aos cidadáns, e pagaba a pena que estivesen aquí os líderes de todos os partidos", laiouse Alberte Núñez Feijoo ao comezo do debate na Galega da noite deste luns. "Eu xa son un clásico nestes debates", apuntou Anxo Quintana ao respecto, subliñando en que el é o único que nunca evitou asistir a unha convocatoria dos medios públicos. "Estas eleccións son municipais e o meu partido decidiu designar un alcalde para estar aquí", destacou o rexedor lugués Xosé C.López Orozco.

Núñez Feijoo: "Hai vida intelixente antes deste goberno"
A petición da condutora do encontro, cada un dos tres líderes valorou os prognósticos que as sondaxes fixan para as súas formacións. Ao respecto, Núñez Feijoo insistiu en que o PPdeG é "de momento" o partido máis votado en Galiza e "o partido que máis se parece aos galegos". "Nós fixemos un programa despois de escoitar a moita xente", defendeu o presidente dos populares ao tempo que acusaba os socialistas de deseñar o seu programa "fóra de Galiza", sinalando que o texto do PSdeG fala de incrementar "liñas de metro" que nin sequera existen aínda no país. "É un insulto á intelixencia", reprochoulles Feijoo.

Feijoo cargou contra os proxectos da Vicepresidencia da Xunta insinuando que o consorcio de servizos sociais usurpa competencias dos concellos e cualificando a estratexia de "retroceso". "Os concellos son a pedra angular da democracia", dixo, chamando a apostar pola autonomía local e a suficiencia financeira dos municipios. Ao respecto da crítica dos nacionalistas ás deputacións, Núñez Feijoo denunciou que o BNG manteña esa posición "mentres cogoberna a da Coruña, con adicación exclusiva dos seus deputados". Ao fío, salientou o modelo territorial proposto polo PP, "cun esquema claro, con áreas metropolitanas e sistemas urbanos intermedios".

Acusou ademais ao goberno actual de deixar no caixón "as directrices do territorio que deixamos nós feitas" e especialmente cargou contra o PSOE por considerar que bloqueou en Vigo "un plan que contaba co apoio do resto de actores políticos e sociais". Pediu ademais "non usar o urbanismo como arma arreboladiza" e lembrou que lle ofreceu hai tempo un pacto polo territorio ao presidente da Xunta, alén de solicitarlle un debate concreto sobre ese tema, "sobre o que aínda non tiven resposta". O líder do PPdeG indicou tamén que a única cidade que ten o PXOM adaptado á lexislación vixente "é Ourense, gobernada polo PP".

Anxo Quintana: "Os candidatos do BNG son os que máis se parecen á xente"
"O BNG preocúpase polas cousas máis próximas e que lle interesan á xente", reflexionou Anxo Quintana. O voceiro nacional do Bloque opinou que os cidadáns "queren garderías, centros de día, urbanismo ao servizo da xente, alcaldes próximos, concellos participativos". Quintana afirmou estar seguro de que o BNG incrementará alcaldes e concelleiros significativamente e que gobernará en todas as cidades e criticou duramente a petición do PPdeG de que goberne a lista máis votada. "O PPdeG demostra desesperación", comentou, "non sabe dialogar, transmítelles aos cidadáns a idea de que votar PP é inútil, porque non servirá para pacto ningún". "O PP estará no centro cando vai a Lalín, que é o centro xeográfico", ironizou.

Quintana acusou ademais a alcaldes do PP de "obstaculizar" o deseño de proxectos nos seus concellos promovidos pola Xunta actual. "Un cidadán que ve que o alcalde de seu pobo, se é do PP, fai boicot, vai chegar á conclusión de que o seu alcalde é un problema", avisoulle aos populares. O voceiro nacional do BNH aegurou que "o método do PP" era ter os alcaldes "peregrinando" en San Caetano por unha subvención, que logo se daba "segundo a cor política". "Agora hai axudas para todos os que o necesitan, para todos igual", defendeu. Por outra parte, Quintana subliñou que "as provincias datan do pasado" e indicou que o BNG traballará por "baleiralas de contido" en favor dos concellos.

Xosé C. López Orozco: "Estamos subindo constantemente en todos os concellos"
Optimista sobre as expectativas electorais do PSdeG en todo o país, o alcalde de Lugo defendeu o proxecto dos socialistas galegos como un conxunto de "propostas claras e ben definidas" sobre "todas as áreas que lle afectan aos cidadáns. "En política é fundamental compartir", subliñou en referencia aos pactos posíbeis, indicando que serán os cidadáns os que "diten onde hai que gobernar en coalición".

"Galiza está vivindo un momento de cambio, e é o tempo de que os concellos se apunten a ese cambio", reflexionou, "e as propostas dos partidos deben servir para que se resolvan os problemas da xente e apostar pola colaboración e non facer concellos pechados en si mesmos". Orozco destacou especialmente as necesidades de financiamento dos municipios e loou o Pacto Local conseguido polo executivo actual. "Os concellos somos maiores de idade", precisou, apostando pola descentralización e o aumento de recursos para os gobernos locais. Na súa opinión, as deputacións son fundamentais en Galiza para facer labor de coordinación cos pequenos concellos, e apostou por relanzar o seu funcionamento. Afirmou o alcalde lugués que o urbanismo está nun momento "fundamental" e destacou as iniciativas recentes promovidas pola Xunta, pedindo que se afonde no consenso para "rematar co feísmo".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: