O presidente do PP quitoulle este luns o protagonismo aos candidatos do seu partido en Galiza, cun discurso onde tiveron espazo as referencias a Euskadi, Marbella ou Canarias.
Mariano Rajoy aproveitou o seu mitin en Ourense para responderlle ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, e dixo que se el tiña "principios de folla de lata", tal e como lle atribuíu o xefe do Executivo o pasado sábado en Valencia, outros tiñan "os de Groucho Marx", isto é, os que se resumen na célebre cita do humorista e cineasta: "Estes son os meus principios. Se non lle gustan, teño outros".
Diante de catro milleiros de persoas no pavillón dos Remedios, Rajoy, que compartía mitin con Xosé Luis Baltar, Enrique Nova e Alberto Núñez Feijoo comentou que "neste curioso país todo aquel que non di publicamente que Rodríguez Zapatero é un dos mellores estadistas de Europa, convértese nun crispador ou personaxe pintoresco".
"En España hai un goberno que un día di unha cousa e ao outro día a contraria sen que se lle mova un músculo da cara; que non ten criterio claro do que lle importa á xente, que só está preocupado polos medios de comunicación e os estudios sociolóxicos, que non teñen solucións". Rajoy lembrou que o candidato socialista a gobernar Canarias, o ex ministro Juan Fernando López Aguilar, presentou un programa electoral que resultou "copiado" do de Ciutadans en Cataluña. "Eses son os seus principios. Os de Groucho Marx. E así lles vai", dixo Rajoy.
No mesmo acto esixiulle a Zapatero que "escoite o clamor social" e "evite que ANV vaia ás eleccións, despois de que Batasuna pedise publicamente o voto para esa formación". Por outra parte, nunha intervención anterior en Vigo retara ao presidente do executivo español a que aceptase unha comisión no Congreso dos Deputados sobre a Oficina Económica da Moncloa e outra no Parlamento andaluz sobre o acontecido en Marbella.
Eu compararía máis a Zapatero con Mr.Bean que con Groucho Marx. Groucho é moito Groucho, ademais de ser o fundador do Marxismo. O bo. O outro é moi aburrido.
Así co puro, parecer si que se parece un chisco a Groucho, o Rajoy.