Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Celebracións do 17 de maio

De Damasco a Bos Aires, pasando pola Xabra

Ademais do acto institucional e das actividades organizadas por diversos colectivos en Galiza, o mundo enteiro celebrou este Día das Letras.

Redacción - 19:28 17/05/2007
María Mariño

María Mariño

A Real Academia Galega (RAG) trasladouse ao Courel dos últimos anos de María Mariño: realizáronse unha ofrenda floral e un recital poético no cemiterio de San Xoán de Seoane ás 11.30. Neste camposanto do Concello de Folgoso do Courel está enterrada a poeta, de cuxa morte fanse precisamente este 18 de maio corenta anos. Darío Xohán Cabana, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o presidente da Academia, Xosé Ramón Barreiro, leron o discurso.

Iniciativas

Adiantándose xa ao Día dos Museos, este 18, o Museo Provincial de Lugo regala hoxe aos seus visitantes até 150 exemplares de 30 obras. O Museo do Pobo Galego, pola súa parte, recibe os usuarios cun poema e un retrato de Mariño, e a Fundación Luís Seoane da Coruña acolle un recital e un concerto e sesión de música contemporánea galega.

Ademais, varias asociacións culturais e veciñais homenaxean a María Mariño con diversas actividades: a Asociación Cultural Alto Minho, en Lugo, celebra por quinto ano os seus festexos, que empezaron onte e prolongaranse ata o 9 de xuño. A Asociación O Facho realizou unha ofrenda floral na Coruña, e xa nas Terras de Trasancos, A Revolta, sumándose á convocatoria da Asociación Veciñal San Xoán Bertón e enchendo a Praza Rosalía de Castro ferrolá de flores, poemas, manifestos e música ás doce deste mediodía. En Boiro, a asociación Aturuxo tivo o seu acto de confraternidade pola mañá, un xantar de confraternidade e a elaboración dun mural, e a festa segue ás 22.00 cunha foliada no Pub Esmorga e ás 23.00 cun concerto de Ataque Escampe.

Fóra das nosas fronteiras


Mentres tanto, continúa Portugalizando en Lisboa, coas voces de Helena de Carlos, María do Cebreiro, Chus Pato, Uxía Senlle e Narf. Bos Aires acolle un recital colectivo organizado pola agrupación de emigrantes galegas Herbas de Prata, e a Biblioteca Álvaro Cunqueiro de Damasco (Siria), que está a dedicar toda esta semana á cultura galega, acolle unha mesa redonda centrada na edición e a tradución coa presenza dos editores Manuel Bragado (Xerais) e Moisés Barcia (Rinoceronte), ademais do escritor Andrés Barba. Manuel Rivas, convidado pola Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña, pronunciou unha conferencia en Barcelona.

Sen irmos tan lonxe, cabe salientar os actos na Galiza exterior: este ano celebrouse por primeira vez o Día das Letras no colexio público Tuela-Bibei de Lubián (As Portelas), onde comezarán a impartir galego para o curso que vén, e no instituto Valverde de Lucerna da Pobra (A Xabra). O día segue a ser lectivo fóra da autonomía, pero nestes dous centros as clases foron moi especiais: inauguráronse as bibliotecas galegas: a do colexio Tuela-Bibei cun cento de libros de literatura infantil doados por Edicións Xerais e a Universidade de Vigo, e a do Instituto Valverde de Lucerna con 300 exemplares. tivo lugar unha mesa redonda sobre o galego en Zamora, e tamén un recital poético con Anxo Angueira.. Dende a organización, salientan a importancia desta data clave na defensa dos dereitos lingüísticos dos rapaces galegófonos de Lubián e das Portelas que logo estudan secundaria na Pobra de Xabra.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: