Dous artistas agochados baixo cadansúa máscara de Pondal e Curros fan versións de Batallán, Fuxan os ventos ou Suso Vaamonde. Fanse chamar The Rexurdidos e naceron, como non podería ser doutro xeito, este 17 de maio.
The Rexurdidos
No mesmo día en que, hai 144 anos, veu a luz Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os seus compañeiros de xeración Eduardo Pondal e Manuel Curros resucitan a ritmo de power pop, co nome artístico The Rexurdidos. Son unha nova banda dedicada ao revisionismo sonoro dos clásicos da música galega das últimas catro décadas.
Aínda teremos que agardar a despois de verán para atoparmos o primeiro disco, pero xa podemos escoitar catro dos temas, que deixan ben clara cal é a liña destes rexurdidos: resucitaren as cancións que á súa vez resucitaron os nosos cantautores a partir de poemas dos nosos poetas. Curros e Pondal aterran no século XXI con guitarras eléctricas e bases electrónicas: Aí vén o Maio de Luis Emilio Batallán, musicando o célebre poema de Curros, Sementeira, poema de Luís Álvarez Pousa con música de Fuxan os ventos, Can de Palleiro de Bibiano e Compañeiro Daniel de Darío Xohán Cabana musicado por Suso Vaamonde. Neste MySpace podemos escoitar as cancións e saber máis sobre eles.