Segundo un estudo presentado este 17 de maio pola ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa, en Galiza concéntranse o 26% das mulleres con titularidade de explotacións agrarias no Estado. Séguena Andalucía, cun 20%, e a Comunidade Valenciana co 11%.
O informe sinala que un terzo das persoas que traballan no campo son mulleres, e a maioría delas residen en Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana e Galicia. Pero só o 18% destas son empresarias, a maioría sen asalariados, e o 30%, titulares das explotacións. A participación das mulleres é máis baixa nos grandes cultivos mecanizados, pero aumenta nos cargos de responsabilidade das organizacións profesionais agrarias.
O informe realizouse con bases de datos de beneficiarios de programas agrarios, ademais dun cento de entrevistas. Un dos resultados salientábeis é que a maioría das mulleres novas mantén unha opinión "pouco positiva" sobre o sector agrario como opción de desenvolvemento profesional. A ministra salientou a necesidade de facer vísibel o traballo das mulleres no agro e mellorar a súa calidade de vida para deter o éxodo rural e o avellentamento da poboación.
A loita pola visibilidade
A futura Lei de Desenvolvemento Rural prestará unha atención "prioritaria" ás mulleres e os mozos, segundo Espinosa. A Lei, en trámite parlamentario e cunha dotación orzamentaria do Estado de 3.000 millóns até o 2013, fomentará a formación e potenciará a cotitularidade das mulleres nas explotacións, entre outras medidas.Mais en Galiza, ao mesmo tempo, a cotitularidade ou titularidade compartida segue a ser unha loita para moitas labregas: dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego advirten de que, cando se trata dunha explotación agraria "dimensionada, saneada e rendíbel economicamente", o titular é o home, malia dedicárense por igual as súas mulleres ao traballo no agro. A titularidade ten nome feminino cando se trata dunha muller solteira ou viúva, ou cando o cónxuxe traballa noutros sectores. "Mesmo non é raro que, en situacións nas que o marido traballa fóra, aínda así, sexa tamén o titular".
Isto supón que as labregas con fillos e fillas menores de tres anos non poden optar ás axudas da Axencia Tributaria, por non disporen de ingresos propios, xa que só se lles poden imputar aos titulares. Tampouco acceden ás axudas de cesamento anticipado, e cando reciben en herdanza parcelas agrícolas, non poden aplicar as deducións de explotación prioritaria, nin darse de alta na Seguridade Social Agraria, e poden perdelo todo ao separárense ou quedaren viúvas. A falta de visibilidade do traballo feminino no agro provoca tamén que non sexan tidas en conta certas particularidades: os pesticidas, por exemplo, poden causarlle problemas a unha xestante.