Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

PSdeG: A incerteza do optimismo

O PSdeG veu sacando peito en Galiza os últimos meses con estatística euforia, mais a campaña relativizou as expectativas ao constataren que a pé de concello semella máis complicado furar na saca dos votos. Con todo, os socialistas afrontan a cita do 27M con recoñecido optimismo e seguros de rabuñar unha significativa cota até o de agora monopolizada polo PPdeG.

Roberto Noguerol - 11:00 22/05/2007

A comezos deste ano, o barómetro político da USC, que dous anos antes prognosticara a perda de maioría absoluta do PP en Galiza, apuntaba unha histórica viraxe nas tendencias de voto, subliñando que por vez primeira o PSdeG aparecía como a forza potencialmente máis votada, por riba dos populares. Sondaxes internas dos partidos manexan esa posibilidade, arredor dun estreito empate técnico entre as dúas formacións. Con eses números, os socialistas non podían ser máis que optimistas nesta cita municipal. Nesa inercia a promesa de convertérense en segunda forza ou de conquistar as deputacións de Lugo e Pontevedra aparecía libremente nos discursos de precampaña. Pero a cercanía das urnas e o combate a pé de municipio, reconduciu as mensaxes estratéxicas. A consigna é agora non teimar publicamente demasiado en metas que poida que non cheguen desta volta.

Consolidación do poder urbano
Seguros do fortín de Lugo; con voto consolidado e medrando en Compostela; ilusionados co salto en Ferrol; moderadamente satisfeitos da recomposición do partido en Pontevedra, onde contan renovar pacto de goberno; optimistas con tocar poder en Ourense aínda que sexa coma socios minoritarios. Algún sector do socialismo mesmo non vería con malos ollos a erosión da maioría absoluta herdada de Francisco Vázquez na Coruña, vendo unha hipotética concesión de cota de poder na cidade como un factor de osixenación ao tempo que pedagóxico toque de atención ás sombras vazquistas na cidade. Non hai que esquecer que a pouca presa que a dirección do PSdeG se deu en confirmar a Losada como cabeza de lista tiña que ver con outras opcións posíbeis para esa sucesión. Pero nas cidades, destaca unha preocupación...

...A espiña viguesa
Moito esforzo e pouca rendabilización. É a percepción sobre a complicada loita en Vigo. Na altura de 2005 as perspectivas eran elevadas, pero moito se andou desde aquela.

Non foi até poucas horas antes de abrirse oficialmente a campaña electoral cando o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Abel Caballero, presentou a renuncia ao cargo para xa oficialmente adicarse ao completo á súa candidatura á alcaldía. Exemplo de como se espremeu até o último minuto unha plataforma privilexiada coa que proxectar a imaxe do candidato durante longos meses. Unha ambiciosa precampaña cara a un cobizoso desafío: sentar no sillón que outro socialista, Ventura Pérez Mariño, dinamitara tempo atrás.

Espoleados polo cambio na Xunta en 2005 e confiados nas proxeccións de voto a nivel xeral sobre o novo clima político en Galiza, o PSdeG proxectou un número para equilibristas sen rede: concederlle a alcaldía a un esmorecente e desdebuxado PPdeG até a fin de mandato. Demasiado agasallo. Os socialistas vigueses contaban no seu momento con recoñecidos valores capaces de pilotar a recuperación da alcaldía olívica, pero recobraren daquela o bastón de mando significaría aparcar a opción Caballero. Algúns socialistas aventurarían agora a dúbida sobre a presunta inxenuidade estratéxica. A crecente suba dos populares en Vigo sería unha hecatombe para os socialistas de traducirse en maioría absoluta para Corina Porro, na mesma medida que para o PPdeG significaría deixar un pé de esperanza fóra do precipicio.

Coas "familias" en hibernación
O poder mantén en calma as correntes internas do PSdeG. As friccións dos primeiros pasos do goberno entre o aparato tradicional e os repartimentos de cargos, especialmente coa ampla representación do mundo universitario, non parece que vaian removérense polo momento. Alén da bomba de reloxería viguesa, nos contornos urbanos os socialistas asisten a unha volta á estabilidade en importantes prazas como Ourense e Pontevedra. Con Vázquez no exilio, tampouco teñen complexos en recoñecer as renuncias galeguistas doutros tempos. As tensións municipais a nivel dalgunhas comarcas pola absorción de independentes a compartir mantel coa militancia de sempre, semellan terse resolvido con relativo éxito. O PSdeG puido permitirse o luxo de relaxar as diplomacias internas, co seu secretario de Organización compartindo tarefa coa de Conselleiro de Traballo.

PSdeG, hai "marca" máis aló do PSOE?
Mesmo o desgaste do PSOE a nivel estatal non sería visto como ameaza. Xa que logo, a belixerante estratexia crispadora do PP no contorno do Estado xoga en favor dos socialistas en Galiza, permitíndolles estender as advertencias contra a dereita revirada. O afastamento do centro no que teima o PP pode quitar votos do PSOE en Murcia ou Madrid, pero é vento en favor da estratexia socialista en Galiza. Reforza a marca PSdeG máis aló do PSOE. Mentres, o secretario xeral dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, pilota de xeito inflexíbel a dirección do partido, axudado polos sucesivos crecementos electorais. Con todo, a estratexia de distanciamento ensaiada nos últimos tempos desde o trono do goberno, non xoga en favor das necesidade de cohesión no partido arredor do líder. Iso si, se a espiña viguesa se resolvese deficitariamente, Touriño acumularía un lastre pouco recomendábel.

Xa que logo, todo pinta ben para o PSdeG cara ao 27M. Se algunha incerteza hai, é precisamente a do optimismo: que a teimuda realidade municipal tecida por décadas de control das redes populares sexa máis difícil de roer do esperado. Pero confían en que todo o que lles poida pasar sexa aumentar representación. Os socialistas galegos téñeno claro: estas non son unhas primarias para o PSdeG, nin para o bipartito, demasiado cedo para avaliar un treito de goberno, tal e como lle gustaría pensar aos populares.


4,88/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: