Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Tamén afectadas Silva de Arriba e Cances

Adega denuncia a queima de residuos na zona coruñesa de Penamoa

Os fumes tóxicos afectan á saúde da veciñanza. A asociación denuncia que boa parte dos residuos son de natureza industrial, e porá unha denuncia perante Medio Ambiente.

Redacción - 17:37 22/05/2007

A veciñanza de Silva de Arriba, Cances e Penamoa (Concello da Coruña) alertou á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) sobre queimas incontroladas de residuos, moitos deles de natureza industrial, e sobre as consecuencias ambientais e de saúde padecidas por mor dos fumes tóxicos. Queixáronse de ter denunciado o caso tanto perante o departamento municipal de Medio Ambiente como perante o SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil), sen obteren nunca resposta.

Varios membros da delegación na Coruña da asociación comprobaron o grao de perigo ambiental da zona, en particular nos arredores do asentamento chabolista de Penamoa, "punto limpo improvisado" pola acumulación de residuos sólidos de todo tipo: pneumáticos, electrodomésticos, ferralla, móbeis ou plásticos. Moitos deles son de natureza industrial, e fanse desaparecer periodicamente mediante a súa queima. As emanacións tóxicas son levadas polo vento directamente ás casas de Cances, A Silva ou a propia Penamoa.

ADEGA rexeita botarlle a culpa a o asentamento, e sinala como responsábeis aos "políticos que permiten o abandono destes barrios periféricos da cidade por non teren feito nada en anos e por deixaren que todo o lixo que agora se queima se fose acumulando sen control". Consideran que tras dos residuos industriais e a súa queima "pode haber outras mans promotoras, non precisamente chabolistas", e esixe vixilancia e seguimento. A asociación presentará unha denuncia ambiental perante a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolmento Sostible da Xunta de Galiza.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: