Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Municipais07

O alcalde de Meis censou un operario municipal e á súa familia no seu domicilio

Ademais, o segundo da candidatura do PPdeG ten censados no seu domicilio un irmán do alcalde, á muller e aos seus fillos.

Redacción - 19:21 22/05/2007
Xosé Luís Pérez Estévez, alcalde de Meis

Xosé Luís Pérez Estévez, alcalde de Meis

O BNG do Concello de Meis (O Salnés) decidiu analizar polo miúdo o censo de habitantes do municipio, logo de detectar unha serie de irregularidades que, segundo a candidata nacionalista á alcaldía, Mari Carme Martínez Rodino, "poden ser a punta dun iceberg".

Segundo o BNG, na casa do alcalde de Meis, o popular, Xosé Luís Pérez Estévez, está censado un empregado municipal e toda a súa familia. "Polo menos unha ducia de persoas" figuran como residentes na vivenda, segundo relatan os nacionalistas.

O segundo da lista, tamén

Para a candidata nacionalista, "é grave que dentro das bases de contratación no concello se estabeleza que haxa que estar así empadroado". A situación, que foi descuberta "por casualidade", segundo relatou Martínez Rodino, non queda aí, xa que os nacionalistas tamén descubriron que o segundo da candidatura do PPdeG nestas eleccións, o actual edil Uxío Fernández, ten censados no seu domicilio "un irmán do alcalde, a muller e os seus fillos".

Mari Carmen Martínez cualificou os dous casos de "sorprendentes e fóra do normal", e cre que non son os únicos que se puideron rexistrar no municipio. "Pareceunos incríbel esta situación e imos seguir investigando, porque sospeitamos que pode haber máis", insistiu.

Explicacións do alcalde

Pola súa banda, Xosé Luís Pérez recoñeceu que os dous casos denunciados polo BNG son reais, mais tamén quixo matizar que hai máis de dous anos que se realizaron estes dous empadroamentos. Neste senso, explicou que na súa casa ten empadroado ao técnico municipal porque se coñecían e reside alí.

Ademais, Xosé Luís Pérez comentou que a súa familia está censada na casa doutro edil "mais non están a residir nela, senón que viven en México e, por iso, non poden votar aquí". De feito, indicou que esta situación obedece a que a familia necesitaba dunha dirección na que recibir a súa correspondencia.


4,5/5 (4 votos)


Comentarios (5)

Barcelos #1 22/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tramposos. A xente afaise a censarse onde non vive, para poder beneficiarse de calquer cousa. Exemplo. Para poder levar os seus fillos ao colexio que quere.

Se quere recibir a correspondencia que poña a dirección a donde quere que lla envíen, pero non fai falta censarse.

Censarse nun sitio onde non se vive, é un engano. Deberían responder dese engano.

Para censarse deberíase de esixir certa documentación que acredite o censo: recibos de auga, luz, teléfono, gas, libro de familia, aluguer, etc.

Barcelos #2 22/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Aínda máis sangrante é que persoas que non viven no municipio preséntense para alcaldes ou edís do mesmo e gañen. (Paco Vázquez sin ir mais lonxe)

Iso debería de estar aínda máis prohibido que poder votar no municipio onde non resides.

andresmilleiro #3 23/Maio/2007 andresmilleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tedes máis información eiquí:

http://meis.blogaliza.org/2007/05/19/o-bng-acusa-ao-alcalde-de-censar-na-sua-casa-a-persoal-municipal/

Xeonllo #4 23/Maio/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parece claro que o PP está a facer todas as trampas que pode en todas partes, manipulando os censos segundo as súas conveniencias. O que menos lle importa a esta xente é a democracia.

Xeonllo #5 23/Maio/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Son expertos en caciquismo e pucheirazos.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: