A organización turística ‘Destination Loch Ness' pensa solicitarlle á Unesco que inclúa a maior masa de auga doce do Reino Unido na lista, xunto co Iguazú, no Brasil, a antiga Tebas, en Exipto, ou o Machu Pichu, no Perú.
O famoso monstro do lago, Nessie, é unha misteriosa lenda xurdida a raíz da visión dunha figura semellante a un plesiosaurio emerxendo do lago. Hai todo tipo de hipóteses, dende que se trataba dun elefante extraviado até un esturión ou simples ondulacións producidas polos movementos tectónicos. Esta lenda constitúe boa parte da historia do lago Ness (Nis en gaélico), pero o interese xeolóxico e ambiental da zona é moito maior: envolta nun aura de misterio grazas á néboa, esténdese nas Highlands, cunha extensión duns 37 quilómetros, ao sueste de Inverness (Escocia), e ten unha fondura duns 225 metros. Descansa sobre a falla Great Glen.
Segundo explicou o presidente de DNL, Gram Ambrose, aínda non lle presentaron a solicitude formalmente á UNESCO, pero están a estudar a área para comprobaren se reúne os requirimentos. Ademais do mito de Nessie, a zona conta con tesouros como o castelo de Urquhart,a canle Caledonia, que enlaza os dous extremos do mar a través da Gran Glen, e os restos de varias fortalezas da Idade de Ferro, que datan de hai 4.000 anos, como a illa Cherry: é un crannog ou unha illa creada artificialmente. Ademais da lenda de Nessie, o lago conta cun enorme valor arqueolóxico e histórico.