Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

Vivenda: digna?

A comezos de ano, un informe sinalaba que a nivel estatal Galiza rexistra o maior crecemento no prezo da vivenda, un 15% no último ano, cinco puntos por riba da media do Estado. Que propoñen as formacións políticas para combater a situación desde os municipios.

Redacción - 14:36 25/05/2007
Tags: vivenda

PPdeG
Andada a campaña os populares lanzaron críticas á vez tanto ao Ministerio de Vivenda como á Consellaría de vivenda, e subliñaron dous compromisos: reservar nos planeamentos entre o 25 e o 50% de solo para vivenda protexida, segundo os casos, e fixar suvencións municipais entre o 10 e o 20% para os alugueiros da mocidade.

Algunhas iniciativas concretas:
-Potenciaranse os programas de vivendas compartidas para xoves, para axudarlles a independizarse das súas familias.
-Diminución dos custos de licencias de obra para todas aquelas persoas que constrúan ou rehabiliten a súa primeira vivenda.
-Impulso da concertación de convenios con entidades bancarias radicadas no municipio co obxectivo de acadar uns tipos competitivos nos préstamos e unha diminución nos custos derivados dos trámites derivados da constitución de hipotecas por mozos. -Potenciación de cons construcións co “Selo Verde”, que será garantía de calidade, conseguindo un desenvolvemento sustentábel e a utilización de enerxías renovábeis.
-Erradicar o chabolismo e a infravivenda mediante políticas de realoxo e integración social e laboral.


PSdeG
Os socialistas defenden actuacións neste eido baixo criterios de "rendibilidade económica e social" e insisten en que controlarán a fraude e a especulación e apostarán polo alugueiro a prezos razoábeis, a recuperación de áreas degradadas e o uso de vivendas baleiras.

Algunhas iniciativas concretas:
-Primarase aos axentes urbanizadores e edificadores ou rehabilitadores, que ofrezan maior proporción de vivendas protexidas ou mellores condicións de prezo final de venda ou aluguer de vivenda.
-Utilización para a promoción pública de vivendas e aloxamentos dos excedentes de chan que se atopan cualificados como equipamentos públicos nos planeamentos vixentes.
-Plano Integral de Aloxamento Social, diferenciando a política VPO da política social de vivenda, en favor dos máis necesitados que non teñen posibilidade de comprar unha vivenda de protección pública.
-Destinaranse ao aluguer o 40% das vivendas protexidas de promoción pública. Plan de promoción e creación de novas axudas, para os propietarios de inmobles desocupados que se ofrezan para o seu arrendamento aos mozos e mozas, a un custo equivalente ao das vivendas de promoción pública en aluguer.
-Plano Integral de Aloxamento Social, diferenciando a política VPO da política social de vivenda, en favor dos máis necesitados que non teñen posibilidade de comprar unha vivenda de protección pública.


BNG
"Os cidadáns deben decidir o que queren: un alcalde que reserve un 40% de solo para vivenda pública ou un que diga tirade para adiante e deixade facer", afirmou en varias ocasións o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana.

Algunhas iniciativas concretas:
-Reservar un 40% de solo para vivenda protexida por cada promoción urbanística desenvolvida no concello.
-Frear a monetarización do urbanismo estabelecendo que cando menos a metade dos beneficios ingresados se destinen á construción de pisos protexidos.
-Cooperación coa Consellaría de Vivenda na promoción de vivendas de tipoloxía acaída ás necesidades e demandas da mocidade e no seu acceso ás vivendas protexidas.
-Promoción de vivendas comunitarias públicas en réxime de aluguer para o colectivo da terceira idade.
-Facilitar información e asesoramento en relación coas liñas de apoio doutras administracións para a adquisición, aluguer, rehabilitación, construción e mellora de vivenda.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: