Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Co 100% do escrutinio

Vigo: gaña o PPdeG pero non consegue a absoluta

A lista liderada por Corina Porro é a máis votada en Vigo, malia que Abel Caballero poderá sentar na alcaldía da cidade olívica. Populares, socialistas e nacionalistas obteñen 13, 9 e 5 asentos, respectivamente.

Redacción - 23:45 27/05/2007

Forte ascenso do PPdeG en Vigo. Con 14 mil votos máis, Corina Porro puxo o seu partido no gume da maioría absoluta e os populares chimparon de 10 a 13 concelleiros, un menos dos necesarios para a maioría absoluta nunha corporación de 27 concelleiros.

O PSdeG mantén en Vigo similares resultados aos alcanzados en 2003. Sobre o teito marcado daquela por Ventura Pérez Mariño para os socialistas apenas un cento de votos máis conseguiu desta volta o candidato Abel Caballero. Con todo, esa pequena presa de votos sérvelle aos socialistas para conseguir un asento máis, pasa de 8 a 9. Con 10 mil votos menos, o BNG mantense como terceira forza, malia perder dous asentos, baixa de 7 a 5.

AS DECLARACIÓNS:

PPdeG
"Vigo é unha locomotora que non se pode parar", afirmou a alcaldesa de Vigo en funcións, Corina Porro, atribuíndose o mérito de "poñer en marcha" esa locomotora. Na súa intervención despois de coñecérense os resultados, Corina Porro recoñeceu que "o futuro de Vigo depende agora dos pactos" e solicitoulles a socialistas e nacionalistas que "queiran a Vigo" e traballen "como o fixo o PP" estes últimos tres anos. "A sociedade deulle o si ao novo modelo de cidade que puxemos en marcha", asegurou Porro.

PSdeG
"Os cidadáns vigueses enviaron unha mensaxe clara: queren un goberno de progreso en Vigo", afirmou Abel Caballero na noite electoral. O candidato socialista indicou que "haberá un goberno de progreso" e dixo estar seguro de que "non haberá problemas para formar unha coalición de esquerdas". Ao fío subliñou que o novo goberno local vai "traer o cambio á cidade" e poñer Vigo "no lugar que lle corresponde".

BNG
Nas súas primeiras declaracións públicas da noite, Santiago Domínguez afirmou que os nacionalistas non agardaban perder dous representantes na cidade e admitiu que serán os socialistas os que teñan que liderar o pacto de goberno. Ao respecto, solicitoulle ao PSdeG que "respecte os homes e mulleres que votaron o BNG" e subliñou que os cidadáns "apostaron de novo por un goberno de esquerdas". Na súa opinión, o 27M é un primeiro paso para que o BNG chegue no futuro a "recuperar a alcaldía".

PG
Reflexionou o candidato do Partido Galeguista, Manoel Soto, que se cadra "houbo persoas que non entederon o cambio" afrontado pola súa formación, que mudou as vellas siglas de Progresistas Vigueses pola nova marca do PG. Soto asegurou ademais que seguirá traballando na cidade á beira de Converxencia por Vigo, COVIN, liderada pola ex concelleira popular Maite Fernández e coa que se acudía conxuntamente a estes comicios, e recoñeceu que o seu proxecto "non callou" entre os cidadáns.


4.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: