Os usuarios do principal operador de telecomunicacións do país magrebí tampouco poden acceder a Google Earth nin a Livejournal.
Logotipo da campaña de protesta
Os usuarios marroquís teñen dende o venres pasado bloqueado o acceso ao portal de vídeos YouTube. A principal empresa fornecedora do acceso á internet, Maroc Telecom, non explicou por que vedou a entrada á popular web, aínda que se pensa que pode ter algo que ver coa presenza de vídeos da Fronte Polisario ou de clips que critican o monarca marroquí.
Deste xeito, a meirande parte da poboación de Marrocos quedará sen acceso a YouTube, aínda que os usuarios das empresas privadas Wana e Meditel poderán seguir accedendo ao portal. Xa non é o primeiro enderezo da web bloqueado pola operadora do país magrebí: Google Earth e Livejournal tamén están prohibidos para os usuarios do país.
Unha parte da blogosfera do país comeza a denunciar a situación. Algúns blogs están en folga como protesta pola prohibición posta en marcha por Maroc Telecom e forzar o goberno marroquí a levantar o veto. Este grupo de internautas cre que o executivo, moi sensíbel á atención dos medios de comunicación e a ofrecer unha imaxe de país musulmán moderno e moderado, podería cambiar de parecer se a rede se mobiliza.