As forzas de seguridade golpearon as persoas concentradas en Curuxeiras logo de se negaren a ser identificadas. Hai dez feridos, e o patrón maior da Confraría de Ferrol permanece detido no cuartel da Guardia Civil.
Pasadas as 16.30 horas desta terza, axentes da Policía dirixíronse ao peirao ferrolán de Curuxeiras para identificar aos mariscadores que bloquearon este mediodía a entrada da ría ao gaseiro Mourad Didouche, con dirección a Reganosa.
Tras uns momentos de discusión, os efectivos do corpo armado comezaron a golpear as persoas alí reunidas, tanto os mariscadores como outros cidadáns. Como resultado, dez persoas resultaron feridas, e o patrón maior da Confraría de Ferrol, Bernardo Bastida, foi conducido ao cuartel da Garda Civil.
Concentración ante o cuartel
O resto dos presentes decidiu encamiñarse cara ao lugar no que permanece retido en manifestación, para protestaren pola actuación dos axentes e esixir a liberación de Bastida. Dende as 17.00 horas permanecen concentrados ante o lugar á espera de que este sexa ceibado.
Carmelo Teixeiro, voceiro do Comité Cidadán de Emerxencia, sinalou que esta actuación "responde a unha orde do delegado do Goberno español (Manuel Ameijeiras), co fin de atemorizar á xente", e engadiu, que a "retención (de Bastida) estase a estender no tempo intencionadamente".
Xuíz de garda
Pola súa banda, Humberto Fidalgo, vicepresidente de ADEGA-Trasancos, sinalou que se pretende "descabezar" o movemento cidadán coa detención de Bastida, ao estar considerado o incitador da mobilización.
Xa á noitiña, membros do Comité acudiron ao xuíz de garda para esixir que se axilice o proceso de elaboración do atestado, e que se libere a Bernardo Bastida axiña.
Tal e como se desenvolveron os feitos está claro que estaba todo previsto de antemán.A piques de desenbarcar xa había media ducia de policías agardando por Bastida e , al mesmo tempo, outra media ducia comezando a empurrar na xente mentres instaban a abandonar o porto.Segundos despois axentes con "experiencia" cargaban contra aqueles/as que protestaban ou se reafirmaban nos seus dereitos a permanecer no peirao.Os intentos de aillar aos mariscadores e presentar o asunto como un conflicto de corte laboral vanse suceder. Van apañados: o asunto é político, compete a persoas, non a gremios, e os mariscadores son ante todo persoas que, vivindo de traballar no mar , exercen os seus dereitos como cidadáns: non recoñecer máis lei que aquela á que se lle outorgou asentimento; se Reganosa non é legal o Estado actúa ilexitimamente. Non van estar sós.
O enlace correcto á web do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol é http://cociudem.wordpress.com
¿¿E o Conselleiro de Industria será por causalidade da mesma forza política que logo de ostentar a alcaldía e oporse inicialmente a Reganosa dentro da ría mudou de posición e ten desde as eleccións do domingo só 2 concelleiros na cidade departamental??
¡Onde vas BNG, onde vas triste de ti!
Todo o meu apoio para o Comité de Emerxencia e para os mariscadores que "bloquean" gaseiros a pesar do conselleiro do "Bloque".