Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
PSdG E BNG ACUSAN AO ALCALDE E MÉDICO DE MURAS

Denuncias de carretaxes "casa por casa" no rural

Agnam responde que a oposición "asustaba a xente na porta dos colexios electorais". Este tipo de denuncias repítense en todas as eleccións, tal e como mostrara Hai que Botalos

Manuel Vilas - 13:34 31/05/2007

Malia gobernar Muras -un dos concellos máis pequenos de Lugo- o popular Issam Alnagm é un dos políticos galegos que levanta máis interese mediático, incluso a nivel estatal. De orixe siria, é habitual velo nos xornais de Madrid criticando a Aznar e Rajoy pola guerra de Iraq. Agora volve aos titulares ante as denuncias de carretaxe de votos nas eleccións municipais.

Din que o alcalde foi "casa por casa"
Fontes veciñais e do Bloque aseguran que o 27-M o alcalde foi “casa por casa” visitando aos que non foran votar. Saber quen non vota en Muras é moi doado, pois só hai dúas mesas, unha delas con pouco máis de 200 electores.

Eloi Gúzman, candidato nacionalista, asegura que viu como varias persoas eran 'trasvasadas' dende o coche do alcalde aos automóbeis de persoas afíns ao Partito Popular, versión confirmada a Vieiros por varios veciños.


PsdG e BNG presentaron unha denuncia conxunta ante a Guardia Civil para que se investigue a posíbel carretaxe de votos. E é que os resultados volveron a dar a maioría ao político conservador, que apañou máis de 429 dos 704 sufraxios.

Os da oposición “asustaban á xente”
Algnam negou a Vieiros a súa participación en calquera carretaxe de votantes. El di que pasou a maior parte da xornada na cidade de Lugo e que só estivo en Muras “un pouco” para votar.

É máis, Algnam pasa o ataque e asegura que os membros da oposición “estaban como feras nas rúas e practicamente nos perseguían”. Tamén se queixa de que os opositores se situaron na porta dos colexios electorais e “asustaban á xente”.

Os fíos do poder en Muras
“En Muras non existe democracia” láianse os veciños dende o anonimato, pois teñen medo das consecuencias se se sabe a súa identidade. Argumentan que Alnagm ten moito poder sobre a pequena poboación, dada a súa dobre condición de médico local e alcalde, polo que del dependen a maior parte dos empregos locais. Incluso din que o mandatario válese do seu traballo de doutor para firmar sen motivo baixas laborais a quen lle é próximo politicamente.

A carretaxe de votos non é un delito electoral, polo que é usada con normalidade nas zonas rurais de Galiza en todas as eleccións. Así o demostraba un dos vídeos do filme colectivo Hai que Botalos, elaborado con motivo das eleccións ao Parlamento Galego en 2001.


4,17/5 (6 votos)


Comentarios (6)

chou #1 31/Maio/2007 chou
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Lamentábel

Picoverde #2 31/Maio/2007 Picoverde
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Algúns teñen a democracia que se merecen. Patético.

Picoverde #3 31/Maio/2007 Picoverde
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tamén podemos falar de ADAPTACION O MEDIO, do sirio Issam Alnagm Azzam.

belensinha #4 31/Maio/2007 belensinha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O que non di o alcalde é a que foi a Lugo...A por máis carretaxe (a que senón).

Barcelos #5 31/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gustaríame ver unha confrontación interna do PP entre
Agnam? Alnagm? Algnam?
(certo que o nome é difícil, pero en word existe copiar e pegar),
e Aznar.
(non será tamén o mesmo nome xa españolizado?)

Xeonllo #6 31/Maio/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O de sempre. Aprovéitanse da ignorancia dos paisanos.

Así gaña o PP.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: