Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XII Forum for iberian studies

Sobre as identidades e o xénero nas culturas ibéricas

Este venres 1 de xuño dá comezo en Oxford este foro, que reúne expertos en literatura de varias universidades galegas, españolas e portuguesas.

Redacción - 17:32 31/05/2007

Queer, queerer, queerest: evolving gender identities in Portugal and Spain, é o título do duodécimo Foro de Estudos Ibéricos no Exeter College, en Oxford, que terá lugar este venres 1 e sábado 2 de xuño. Organízano a propia universidade de Oxford, a barcelonesa Ramón Llul, o Instituto Camões e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Dende a perspectiva dos queer studies, achegarémonos a figuras das literaturas ibéricas de todas as épocas: o xénero no Século de Ouro español da man de Kathleen Mountjoy (de Oxford), introducida por Jonathan Thacker, do Merton College, ou a muller na oratoria do Padre António Vieira, por Mª Isabel Morán Cabanas (da USC) e José Eduardo Franco, da Universidade de Lisboa, e mesmo a abordaxe queer de Camões que realiza Frederico Lourenço (tamén de Lisboa), introducido por Thomas Earle (do Saint Peter's College) abren a primeira das xornadas.

Xa na tarde do venres, María Liñeira, lectora no Centro de Estudos Galegos de Queens, introduce estudos relacionados coa nosa literatura: Cibrán, o engano da heterosexualidade presumida, é a achega de Carme Fernández Pérez-Sanjulián (Universidade da Coruña) sobre o célebre personaxe d'A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor. Isabel Castro Vázquez, da Universidade de Towson (nos EUA), falará sobre O punto de xénero e sexualidade no corpus literario de Manuel Rivas.

Alén da literatura, hai quen indaga noutras linguaxes estéticas: así, dende a Universidade de Barcelona, Andreu Navarra Ordoño aborda a construción da masculinidade como instrumento de dominación no franquismo: Fascismo y virilidad: El hombre clásico en la propaganda fascista española, é o título da súa intervención. E despois dun café, dúas análises feministas do cinema de Almodóvar: Carles Gutiérrez-Sanfeliu (Oxford) introduce Cuerpo, destino y bisturí en Todo sobre mi madre, de María Donapetry (Pomona College, EUA), e Sueños y lágrimas: la masculinidad de Marcos en Hable con ella, de Robin Fiddian (Wadham College, Oxford).

Xornada do sábado


Stephen Parkinson (Linacre College, Oxford), dá paso a Ana Cristina Santos, do centro de estudos interdisciplinares de xénero da Universidade de Leeds, abordando directamente o activismo queer: Queering the queer turn: LGBT activism and outcomes in Portugal; Orgull revolucionari é a achega de Jordi Mir Garcia, dende a Pompeu Fabra de Barcelona, e pecha a mañá Rosario Hernández Catalán (da Universidade de Oviedo), con Cognitariado femenino en España: de la imagen a la carne. "Cognitariado" é o termo proposto polo filósofo Franco Berardi no seu libro A fábrica da infelicidade para referirse á conciencia de clase no traballo cognitivo, a nova explotación dos traballadores na sociedade-rede.

As próximas conferencias circulan en torno ao poeta de Coímbra Al Berto: Claudia Pazos-Alonso (do Wadham College) presenta a Mark Sabine, que vén dende Nottingham, con (Self) Discoveries and (Rough) Trade: Queer Portuguese identities and beyond in the work of Al Berto. Logo de comer, Laura Soler, lectora de catalán en Oxford, introduce a Noèlia Diaz Vicedo, cun estudo sobre Terra de Mai, da poeta catalá Maria-Mercè Marçal's, caracterizada polo recorrente desdobramento de si mesma em identidades diversas. E, a seguir, João Luis Monteiro Leal (de Saint Peter's, Oxford) expón A reading of Al Berto's work: autobiography, fragmentation and homoerotic desire.

A homosexualidade na literatura catalá centra as últimas intervencións da tarde do sábado, introducidas por Xon de Ros (Lady Margaret Hall): Homoerotisme, psicoanàlisi i malaltia: identitats patològiques en la narrativa catalana, de Mercè Picornell Belenguer & Margalida Pons Jaume (dende a Universidade das Illas Baleares), e Terenci Moix o el arte de la maledicencia, de Carles Gutiérrez-Sanfeliu (University of Oxford). Este autor catalán, falecido hai catro anos, ten manifestado abertamente a súa homosexualidade e enfrontouse con outros autores, como Cela, pola súa tamén aberta homofobia.


Documentos

2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: