Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enquisa de condicións de vida das familias

Cada vez máis fogares teñen problemas para chegar a fin de mes

Os ingresos mensuais medios aumentaron lixeiramente entre o 2005 e o 2006, pero tamén medrou a porcentaxe de persoas por baixo do limiar de pobreza.

M. del Río - 08:00 06/06/2007

A situación económica dos fogares empeorou entre o ano 2005 e o 2006, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. A enquisa de condicións de vida das familias, estruturada en provincias, amosa, ademais, un claro contraste entre a Galiza atlántica, máis rica, e a Galiza interior, con menores ingresos e a poboación máis avellentada.

Aínda que os ingresos mensuais medios por fogar aumentaron en todo o territorio, dunha media de 1.703 euros no 2005 a 1.793 no 2006, o número de familias que viven por debaixo do limiar da pobreza tamén medrou, o que tamén reflicte un incremento das desigualdades: hai máis cartos, pero están peor repartidos, pois o volume de xente desfavorecida é maior.

Se hai dous anos o 9,58% dos fogares do país se podían considerar pobres, o ano pasado pasaron a ser un 9,84. As peores condicións déronse en Ourense, onde se pasou dun 13,46 por cento ao 15,26. En Pontevedra aumentou dende o 8,34 até o 9,37. Da outra banda, na Coruña diminuíu lixeiramente, do 8,89 ao 8,51. En Lugo, o descenso foi máis pronunciado: de 10,69 por cento a 9,56, por debaixo da media do país.

Dificultades para rematar o mes
Onde si coinciden todas as familias galegas é na súa percepción de que a súa capacidade para chegaren a fin de mes empeorou no último ano. No 2005 afirmaban chegar con moita facilidade o 1,71%, con facilidade o 39,27, con dificultade o 45,48 e con moita dificultade o 13,54. Un ano despois, as familias moi favorecidas reducíronse até o 1,21% e as favorecidas ao 34,70. No outro extremo, pasaron a chegar a fin de mes con dificultade o 47,45%, e con moita dificultade o 16,64.

Por provincias, resulta curioso que as familias pontevedresas, seguidas das coruñesas, sexan as que aseguran chegar a fin de mes con máis dificultade, fronte ás de Lugo e Ourense. Así, no 2005, tiñan algún ou moitos problemas para rematar a mensualidade o 64,69 por cento dos pontevedreses, o 57,57 por cento dos coruñeses, o 55,94 dos ourensáns e o 53,04 dos lugueses. Un ano despois, as cifras aumentaron até o 67,29 por cento en Pontevedra, o 66,21 na Coruña, o 64,66 en Ourense e o 61,6 en Lugo.


5/5 (7 votos)

Comentarios (8)

moledo #1 6/Xuño/2007 moledo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A pobreça, as desigualdades sociais cada vez mais grandes, a cronificaçom do desemprego nalgúns sectores, a carencia de equipamentos para nenos, idosos, mulheres vitimas de terrorismo machista, "excluidos sociais"...esses som os problemas da gente aqui na Galiza, nisso é no que cumpre trabalhar.

xacataca #2 6/Xuño/2007 xacataca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Xa se comeza a notar o cambio na Deputación de Lugo :)

Calidonia #3 6/Xuño/2007 Calidonia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non sei se haberá relación, pero efectivamente é curioso que coincida o maior retroceso estatístico da pobreza coas provincias onde o retroceso do PP á maior.

Dias #4 6/Xuño/2007 Dias
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Fogares??!

Deixa-me ver... será o "acastrapamento" do castelhaníssimo "HOGAR"?!
Começo a perceber as regras desta língua misteriosa!! Se em castelhano a palavra inicia com um H basta trocá-la por um F e está a traduçom feita! Simples nom?

Calidonia #5 6/Xuño/2007 Calidonia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Mira ti. E eu que pensaba que hogar é a adaptación á fonética castelán que fixeron alá pola época medieval de 'fogar', que á súa vez vén de 'fogo', unha palabra nada sospeita de ser castelán (sería 'fuegar'). Que empregamos logo? Lumes, lares, viciños?

Anxo #6 6/Xuño/2007 Anxo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A min cústame chegar a fin de mes, todo sube menos o salario, este ano coma sempre subiume os prezos de todo (roupa, comida, transporte, etc) e a hipoteca, pero cal é a cuestión o salario non, por que? pois por que convenios maioritarios en Galicia como o do metal ou o da construcción tocan renovar por outros catro anos máis, polo que quedamos sen suba ata que o aproben. E cando será pois como case sempre por alí por Outubro ou Novembro, claro como aos "señoritos que se sentan a negociar" non lles deben facer moita falta os cartos pois nada non se apuran, total para subir unha piscalla de nada coma sempre, eso sí despois cobras os atrasos do ano, pero como xa vai case pasado o ano, teñen que aumentar as retencións do I.R.P.F. para que cadren as contas polo que ese mes si non fixeron axustes para aumentar o IRPF na tua empresa cobrarás menos ca ningún outro mes polo que chegaras peor a fin de mes e como chega Nadal mes de gastos, pois andarás a velas vir. Como odio o ano da negociacion do convenio.

eugalego #7 6/Xuño/2007 eugalego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que va, que va, se segum os nossos irmaos portugueses, que so nos conhecen pola economia, din que somo-la vangarda do capitalismo!

Barcelos #8 8/Xuño/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#4 Que besta, a terra redonda. Ja, ja, ja.
Fogares? Ja, ja, ja.
O meu fogar, ja, ja, ja... chega a fin de mes e eu tamén, porque se non estaría morto. Ja, ja, ja.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: