Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Percorrerá as sete cidades

Cen persoeiros reuniranse nun simposio sobre a pobreza no outono

"Pobre Mundo Rico" é o paradoxal título do Simposio Internacional que terá lugar este outono, organizado polo Club Internacional de Prensa coa colaboración da Obra Social Caixanova, e a dirección xeral de Cooperación Exterior.

Redacción - 17:46 12/06/2007

Unha serie de mesas debate e conferencias sobre a pobreza e a desigualdade no mundo percorrerán as sete cidades ao longo de dous meses: o 2 de outubro será inaugurado en Vigo, e o 29 de novembro, clausurado en Compostela. Presentárono en conferencia de prensa o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado e o director xeral de Caixanova, José Luis Pego Alonso, logo de asinaren un convenio de colaboración, Guillermo Brea, director da Obra Social Caixanova e Carmen Carballo, directora do Club Internacional de Prensa.

Esta programación quere chamar a atención sobre a situación de desigualdade que viven os pobos e países dos distintos continentes, na liña de ciclos como "América, cada vez máis latina" ou "Os latexos do mundo" -con Le Monde Diplomatique-, ademais dos "encontros do Club". Grazas a eles puidemos gozar ao longo do que vai de ano das achegas de persoeiros como Javier Alfaya, Carlos Gabetta, Mai Al Kaila, Gervasio Sánchez, Francisco Jarauta, Bernard Cassen, Luis Sepúlveda... E aínda nestes días, coa da activista haitiana Suzy Castor, ou a dos xornalistas Ignacio Ramonet e Ramón Chao.

Máis de cen voces contra a inxustiza

Unhas 110 persoas participarán neste simposio: escritores como Manuel Rivas ou xornalistas co prestixio de Ignacio Ramonet e Bernard Cassen (director e director xeral de Le Monde Diplomatique e impulsores do movemento ATTAC); Marcos Arruda, do PACS (Instituto de Políticas Alternativas para o Cono Sur), Alfonso Dubois, do Instituto de Estudos sobre Desenvolvemento e Cooperación Internacional de Hegoa, François Houtart, director do Centro Tricontinental, Carmelo García, director do Instituto de Estudos Políticos para América Latina, IEPALA, ou Érika González, Investigadora do Observatorio de Multinacionais en América Latina -OMAL- na Asociación Paz con Dignidade.

Dende as oenegués hai unha participación importante tamén: José Luis Quintela, de Intermón Oxfam-Galicia, Juan López de Uralde, director executivo de Greenpeace España, Ramón Fernández Durán, membro de Ecoloxistas en Acción, María Reimóndez e Branca Rodríguez, de Implicad@s no desenvolvemento, Raúl Torres, de Médicos do Mundo, Esteban Beltrán, director da sección española de Amnistía Internacional, Mbuyi Kabunda, Socio de Sodepaz, profesor de Relacións Internacionais da Universidade de Basilea e membro do Instituto de Estudos Africanos da Universidade Autónoma de Madrid, Luis Vila, director médico de Médicos Sen Fronteiras, Xosé María Torres, presidente da Coordinadora Galega de Oenegués para o Desenvolvemento, e membro de Farmacéuticos Mundi, Fernanda Couñago e Xoán Hermida, de Amarante, Isidoro Jiménez, de Consume Até Morrer, Raúl Asegurado, membro da iniciativa galega de banca alternativa O Peto, ou Irene Milleiro, de Intermón Oxfam.

Ou mesmo dende a relixión: Frei Betto, frade dominico, teólogo da liberación brasileira, Arcadi Oliveres, presidente da comisión xeral da organización Xustiza e Paz, ou Enrique de Castro, sacerdote, teólogo e filósofo, o famoso cura de Vallecas, que xa participou nos Encontros do Club.
Tamén haberá quen poida achegarnos a súa perspectiva dende o cinema (Carlos Estévez, Manuel García Montañés, ou a catedrática da USC Margarita Ledo).

Seguindo co ámbito académico, estarán José María Tortosa, director do Instituto Universitario de Desenvolvemento Social e Paz, na Universidade de Alacante, o catedrático de Economía Aplicada Xosé Manuel Beiras, ou Carlos Gómez Gil, sociólogo, profesor asociado no Departamento de Análise Económica aplicada da Universidade de Alacante e director do Seminario Permanente de Inmigración desa mesma universidade.

Complementando a estas mesas e conferencias, proxectaranse unha serie de documentais, filmes filmes de ficción, docudramas, reportaxes, ... realizados nuns casos polo alumnado de Comunicación Audiovisual das tres facultades galegas, e en outros, por profesionais do sector, como Patricia Ferreira, Carlos Estévez, e outros directores que están a manifestar o seu desexo de colaborar desinteresadamente con este Simposio Internacional, dende distintas partes do mundo.


4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A conferencia de prensa tivo lugar na mañá deste martes 12 de xuño, en Vigo
A conferencia de prensa tivo lugar na mañá deste martes 12 de xuño, en Vigo
José Luis Pego, Guillermo Brea, Fernando Salgado e Carmen Carballo
José Luis Pego, Guillermo Brea, Fernando Salgado e Carmen Carballo