O grupo liderado por David Brandariz rexeitou o convite do PPdeG e da súa escisión, o PDSP de Ramón Rodríguez Ares, que lle ofreceran a alcaldía a cambio dun pacto.
A posición dos simpatizantes da súa formación, Agrupación Sada Unida, e a convicción de que os veciños de Sada apostaron con claridade "polo cambio", foron os argumentos cos que David Brandariz explicou a decisión de rexeitar a proposta dos conservadores. De costas á postura que publicamente defende a dirección do PPdeG, o grupo local dos populares pretendía facilitar un acordo co PDSP do alcalde en funcións, Ramón Rodríguez Ares, e con ASU, e mesmo lle ofrecían a alcaldía ao único edil que as urnas lle concederan a este último grupo.
Brandariz confirmou que o próximo sábado vai votar en branco para facilitar a suma de BNG e PSdeG. Xa que logo, o nacionalista Abel Soto será o novo alcalde deste concello das Mariñas. Brandariz non descarta ademais que posteriormente poida integrarse nun pacto amplo de goberno. O nacionalista Abel Soto xa avanzou este xoves na Radio Galega que se intentarán esas conversas aínda que con probabilidade van deixarse para despois do día 16.
Xa era hora na que Sada fora liberada dun cacique como o Moncho e grazas ao bó sentidiño de David Brandariz que non caiu na trampa que os de sempre tiñanlle preparada.