Segundo o avogado de Pinto da Costa, dadas as malas arbitraxes ás que se viu sometido o clube, non puido haber compra de favores por ningures.
O avogado do presidente do F.C. Porto, Gil Moreira dos Santos, asegura que o caso é xa vello e que xa foi arquivado, polo que non ve a necesidade de volver destapalo agora.
Ao parecer, hai un tempo que o Ministério Público portugués acusou o presidente do Porto destes feitos, e foron probados, mais arquivados e esquecidos. Segundo o avogado de Pinto ca Costa, o maxistrado responsábel do caso, pechouno coa conclusión de que "os feitos e o decurso dos acontecementos non eram favorabéis a que se deducise que os alegados momentos de pracer proporcionados aos árbitros eran unha contrapartida de favores da arbitraxe", é dicir, que o clube do Porto proporcionoulles os servizos de varias prostitutas aos árbitros, mais, segundo a xustiza portuguesa, non se puido probar que fose por mercar favores.
Ao prexudicar a arbitraxe ao Porto, din que non houbo corrupción ningunha
Ademais, o avogado baséase na malísima labor feita polos árbitros nos últimos partidos do clube portugués para segurar que non houbo aínda ningún árbitro que lles devolvese o favor, polo que "non hai caso de corrupción, nin de tráfico de influencias". Para Moreira dos Santos o lóxico é que de haber corrupción, esta tería que se manifestar en algo "obxectivo e concreto", mais, no último partido contra o Estrela da Amadora o árbitro mesmo prexudicou ao seu equipo, o que lle serve ao avogado para xustificar a súa postura.
Neste caso, o presidente do Futebol Clube do Porto é acusado do crime de corrupción deportiva no ámbito das investigacións do proceso do partido Porto-Estrela da Amadora, en 2004, e con Pinto da Costa están envoltos no proceso o empresario de fútbol António Araújo e os árbitros Jacinto Paixão, José Chilrito e Manuel Quadrado. O caso implica tamén o vicepresidente do equipo, Reinaldo Teles.