Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
AS CLAVES: INTERNACIONAL

Un mundo de conflitos esquecidos

A atención cara a Iraq, Palestina ou Afganistán oculta a atención informativa e política cara á persistencia de determinados conflitos, cunha proliferación e irresolución que condiciona o desenvolvemento socioeconómico en países de África, Asia, América Latina e o espazo eurasiático. Un artigo de Roberto Mansilla Blanco, analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

TEMPOS Novos - 08:00 14/06/2007

Unha estatística do Sipri Yearbook 2005: Armaments, Disarmament and International Security revelou que de 1990 a 2004, se presentaron un total de 54 grandes conflitos mundiais, catro deles entre Estados e 53 localizados no interior dun Estado.

África lidera esta clasificación con 19 conflitos, seguida de Asia (15), Oriente Medio (10), Europa (7) e América Latina (6). Diversas fontes estatísticas e analíticas confirman unha significativa baixa dos conflitos armados entre Estados desde 1991 (calculado en 40%), non así dos conflitos "interestatais" e da actividade terrorista global.

Non obstante, a maior parte destes conflitos posúen orixes e dinámicas propias, non necesariamente vinculadas ao mundo post-11/S e a "guerra global contra o terrorismo". O 90% destes conflitos se desenvolven en países subdesenvolvidos, alentados tamén polo feito de que un 70% do comercio global de armamentos se realiza cara estes países.

O interminable drama africano

Sendo África o líder desta clasificación, atopamos como principais focos conflitivos a República Democrática do Congo, Chad, Côté d´Ivôire e a República Centroafricana. De dobre carácter "intraestatal" e rexional, estas guerras civís con impacto rexional deixaron preto de cinco millóns de mortos e catorce millóns de desprazados, obrigando a unha activa diplomacia de pacificación.

Outro foco é Somalia, alentada polo recente avance das milicias islamitas e a súa inmediata inclusión por parte de Washington dentro da "guerra internacional contra o terrorismo". A intervención política e militar de Etiopía e Kenya en decembro contribuíu a estabilizar momentaneamente un conflito que ameaza con expandirse por África occidental.
Outros escenarios son Burundi, Liberia, Sudán e Serra Leoa, con guerras internas que inclúen o xenocidio étnico e tribal e a loita polo control dos diamantes e os recursos naturais, involucrando a actores externos, tanto estatais como empresas multinacionais.

Un apartado merecen os conflitos territoriais independentistas. No caso do Sáhara Occidental, a loita contra Marrocos pola súa autodeterminación ameaza con volver a activarse no caso de que a Fronte Polisaria retorne á loita armada para conseguir os seus obxectivos políticos. A ONU tenta revitalizar un novo plan de paz mentres os gobernos español e francés ocultan o problema nas súas relacións con Marrocos.

Outro caso é Cabinda, rexión separatista dentro de Angola en conflito desde 1975 e que non semella atopar unha solución política a pesar da pacificación alcanzada no 2002. As dúas guerrillas de liberación nacional cabindesas seguen activas pero debilitadas polo factor que supón a riqueza petroleira e mineral de Cabinda e os intereses externos (Chevron Texaco), que reforzan o goberno angolano.

Tensións en América Latina

No escenario latinoamericano, o conflito con maior presenza temporal está localizado en Colombia, país que con oito millóns de desprazados lidera esta estatística no hemisferio occidental.

Ante a case definitiva neutralización do Exército de Liberación Nacional, ELN, e o polémico proceso de desarme e desmobilización dos grupos paramilitares de extrema dereita, a confrontación segue a enfrontar a guerrilla marxista das FARC cun Exército nacional reforzado pola axuda militar e financeira estadounidense, ampliada ata o 2010. Tamén inflúe o poderoso factor do narcotráfico na configuración deste conflito.

Xunto a Colombia está Haití, país que cumpre con case todos os parámetros do que se denomina como un "Estado fracasado", agora parcialmente estabilizado baixo o goberno de Raúl Preval e a presenza das forzas de paz da ONU.
Non obstante, a pobreza, os desaxustes socioeconómicos e a presenza de bandas paramilitares afectas a determinados líderes, complican un explosivo panorama que pode reactivar unha crise de desprazados cara á veciña República Dominicana, outro país con alarmantes índices de crise socioeconómica.

Na rexión andina, a busca dun novo modelo político que concilie as demandas indixenistas e populares cos intereses das elites tradicionais condicionan posibles situacións conflitivas en Bolivia e Ecuador, incluso con potenciais elementos territoriais separatistas, como o que actualmente existe na rexión boliviana de Santa Cruz.

Sendo Chiapas o exemplo da maior rebelión indixenista antiglobalización desde 1994, a súa situación actual semella practicamente estancada, atenazada nos seus obxectivos políticos e, en opinión dalgúns analistas, con síntomas de descrédito cara o líder da rebelión zapatista, o subcomandante Marcos.

Un caso particular merece América Central, foco de insurxencia e guerras civís na década dos oitenta. A crise socioeconómica permitiu a alarmante proliferación de bandas criminais, con preocupantes consecuencias cara ao desenvolvemento económico, a fortaleza institucional e a viabilidade do proceso democrático.

Neste sentido, países como O Salvador, Guatemala, Nicaragua e Honduras constitúen os principais focos da presenza de bandas como a "Mara Salvatrucha", con intentos de ramificacións nos países veciños e na inmigración centroamericana en EEUU.

A outra cara de Asia

O continente asiático conserva algúns conflitos con pouco tratamento informativo. Está o caso de Myanmar (antiga Birmania, tamén denominada Burma), o maior Estado do sueste asiático sacudido por un conflito que dura 50 anos.
A represión da ditadura militar birmana contra a oposición política e os grupos guerrilleiros esquerdistas e de corte étnico e budista, dificultan a conformación dun proceso democrático viable e de integridade lexítima estatal.

En Sri Lanka, o separatista "Tigres pola Liberación do Tamil" está activando unha guerra de guerrillas contra o goberno central para obter a independencia do Norte e o Leste da illa. Desde 1996, este conflito provocou case 100.000 mortos e un millón de desprazados internos cara á India e Bangladesh.

Nepal, país maioritariamente rural e subdesenvolvido, vive unha loita entre a guerrilla maoísta e o exército nepalés baixo a autoridade do rei Gyanendra, dentro dunha conxuntura que implica a participación xeopolítica de India, China e EEUU. Iso a pesar de existir desde 2006 un acordo pactado pola guerrilla maoísta e unha coalición política opositora para entrar no goberno, que non está ben visto dende Washington.

O escenario de maior risco de conflitividade está focalizado na rexión de Caxemira, disputada por Paquistán e a India, dúas potencias nucleares que se enfrontaron militarmente en tres ocasións entre 1947 e 1971.

A puxa territorial por Caxemira involucra diplomaticamente a China e EE.UU., así como á actividade de militantes islamitas, presuntamente vinculados a células "yihadistas" da rede Al Qaeda, que podería provocar unha expansión cara a Afganistán, Asia Central e o sueste asiático.

Xa na área centroasiática, ocupa a atención Tadjiquistán, a ex república soviética máis pobre e que sofre unha guerra civil manifestada pola rivalidade dos clans étnicos e tribais, dos "señores da guerra" e da presenza militar rusa. Un débil armisticio asinado en 1994 vén sendo constantemente violado, co resultado de máis de 600.000 mortos e 100.000 refuxiados cara ás repúblicas centroasiáticas veciñas.

Por último, está o caso de Timor Leste, independente de Indonesia desde o ano 2000. Á espera dos resultados das eleccións presidenciais de abril de 2007, a estable transición timorense está determinada pola súa orientación política soberana e os intereses de actores como EE.UU., China e Australia, principalmente ante os seus recursos petroleiros marítimos.

Paralelo ao caso timorense, está tamén identificado un conflito separatista na rexión de Banda Aceh, que involucra rebeldes separatistas en loita co poder central indonesio.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)


3.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: