Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
As inmigrantes sen documentación están desprotexidas

As feblezas da Lei contra a Violencia de Xénero, dous anos despois

Amnistía Internacional fai pública unha listaxe de obxectivos da Lei Integral que aínda non se cumpriron ou só parcialmente, e un informe no que avalía o seu desenvolvemento na práctica.

Redacción - 17:33 15/06/2007

Amnistía Internacional denuncia que, dous anos despois da entrada en vigor da Lei Integral contra a violencia de xénero, segue a haber carencias na protección e asistencia ás vítimas. No informe Poñan todos os medios ao seu alcance, por favor, feito público no marco dun Encontro de Organizacións de Mulleres convocado por AI en Madrid, analizan as medidas anunciadas polo Goberno español no Plan Nacional de Sensibilización e Prevención da Violencia de Xénero. Marco Conceptual e Eixos de Intervención.

AI conclúe que algúns aspectos esenciais previstos pola Lei Integral están aínda por desenvolver ou están a porse en práctica con demasiada lentitude. O informe tamén avalía o desenvolvemento na práctica da Lei baseándose en 18 indicadores que propuxera en xuño de 2006: máis da metade seguen sen ser unha realidade aínda.

A metade dos obxectivos, aínda por acadar

AI sinala, entre os seus 18 indicadores, unha serie deles acadados parcialmente: no ámbito sanitario, o plan estabelece a necesidade de formar aos profesionais do sector para a atención especializada, pero non formula uns estándares mínimos, e na estratexia de saúde mental, a penas se especifican medidas para abordar o impacto da violencia machista. Os indicadores de saúde pública tampouco teñen en conta ningunha mención aos índices de violencia.

No tocante aos centros de acollida, aínda non se cumpriu o obxectivo de que haxa un por cada Comunidade Autónoma, de xeito que ningunha muller se teña que refuxiar en albergues. En Galiza, o proxecto de lei autonómica que se está a tramitar prevé a creación dun centro de recuperación integral, pero de momento séguese recorrendo ás hospedaxes convencionais.

As mulleres en situacións especialmente conflitivas tampouco teñen o mesmo acceso ás medidas de protección e asistenciais. cando se trata de mulleres con drogodependencias ou problemas de saúde mental, impídeselles acceder aos recursos, e non se formulan medidas específicas.

Deficiencias na asistencia xurídica


No caso de que as mulleres busquen asistencia fóra da súa comunidade autónoma, existe a posibilidade de que as comunidades accedan a un rexistro central, pero este só recolle procedementos xudiciais e ordes de protección, sen atender a mulleres que aínda non denunciaran. Xa se teñen dado casos de mulleres que foxen dunha comunidade á outra e élles negada a asistencia por non pertenceren á segunda.

Aínda peor é o caso das inmigrantes indocumentadas, totalmente desprotexidas pola lei: de feito, a Instrución 14/2005 da Secretaría de Estado de Seguridade non posibilita a estas mulleres accederen ao dereito: "concilia as obrigas que aos funcionarios policiais lles impón a lei de estranxeiría co amparo e protección que ás mulleres vítimas de violencia de xénero lles ofrece a Lei Integral". AI preocúpase polo efecto revitimizante e a dobre loita á que se enfrontaría unha muller neste caso: se o xuíz non lle concedese a orde de protección, ou de non ser condenatoria a sentenza definitiva, o procedemento de expulsión dela do país seguiría o seu curso.

AI alude tamén á falta de formación específica dos corpos e forzas de seguridade do estado e do persoal profesional dos xulgados, mesmo o persoal que tramita ordes de protección, nin tampouco os Institutos de Medicina Legal contan cunha unidade forense especializada. Os xulgados seguen sen dispoñer de medidas para separar ao agresor da agredida, nin se avaliou o funcionamento dos mesmos, ou as estatísticas de condenas e absolucións. Outra das carencias é o feito de que as asociacións e colectivos de vítimas non fosen consideradas interlocutoras, aínda que o Observatorio o propoña.


Documentos

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: