Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANPE, CC.OO., UXT e CSI-CSIF

Sindicatos do ensino atribúen a redución da carga lectiva á suspensión da folga do 3 de maio

Cualifican o anuncio da consellaría de “histórico” e de exemplo a seguir para o resto do estado español.

M. del Río - 15:00 15/06/2007

Os sindicatos ANPE, CC.OO., UXT e CSI-CSIF valoraron este venres de xeito moi positivo o acordo acadado coa Consellaría de Educación que permitirá reducir o horario lectivo do profesorado de Infantil e Primaria de 25 a 21 horas semanais e o de permanencia de 30 a 25.

Segundo os voceiros dos sindicatos, a decisión da consellaría foi posíbel grazas ao acordo asinado o 30 de abril coas catro forzas no que se comprometían a suspender a folga inicialmente prevista para o 3 de maio, que CIG-Ensino si secundou.

Tanto Xosé Manuel Fuentes, de Comisións Obreiras, como Emérita Fernández, de CSI-CSIF, Raúl Gómez, de UXT e Xulio Díaz, de ANPE, coincidiron en afirmar que o acordo é histórico e que non só beneficiará os profesionais, que contarán con mellores condicións de traballo e máis de mil novas prazas, senón tamén a calidade do ensino en xeral.

Tamén cualificaron o acordo de inédito do estado e de exemplo a seguir polo resto das comunidades autónomas. Do mesmo xeito, felicitáronse polo feito de que os ensinantes vaian cobrar, no prazo de tres anos, as pagas extraordinarias íntegras.

Malia isto, aínda non recibiron resposta do Ministerio de Educación sobre os compromisos anunciados na mesa sectorial do 18 de abril sobre o estatuto docente, polo que se concentrarán o día 20 diante da sede ministerial, en Madrid.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: