Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Conflito de Reganosa

Máis dun cento de persoas recibe a Bernardo Bastida na lonxa de Ferrol

O patrón maior da confraría de pescadores ferrolá volveu insistir en que o seu encarceramento respondeu a unha "decisión política".

Redacción - 19:04 15/06/2007

O patrón maior da confraría de pescadores de Ferrol, Bernardo Bastida, foi recibido na tarde do venres na lonxa de Ferrol por máis dun cento de persoas, logo de que a xuíza encargada do caso decretou a súa liberdade sen fianza ao redor das 14.00 horas.

Bastida, que permaneceu 15 días en prisión preventiva e chegou contra as 17.30 horas, agradeceu emocionado no seu primeiro discurso as mostras de apoio recibidas. Ademais, fixo unha chamada aos membros do Comité Cidadán de Emerxencia e aos mariscadores a retomaren o diálogo para solucionar o conflito con Reganosa, e volveu insistir en que o seu encarceramento respondeu a unha "decisión política".

Único interlocutor válido

Ademais, segundo indicou Xaime Gabarri, voceiro da confraría e substituto de Bastida durante estes días, "o luns volverá ao traballo, agora xa descansa coa familia". Preguntado por se seguirá coas mobilizacións, Gabarri sinalou que "a loita nunca se abandona", mais que Bastida "terá que se calmar un pouco".

Respecto a retomar o diálogo con Reganosa, o voceiro da confraría manifestou que o luns comezarán os contactos "de verdade", xa que as invitacións ao diálogo recibidas nestes últimos días foron rexeitadas "porque o único interlocutor válido é Bernardo Bastida".

Por outra banda, no seu discurso, Bastida tamén lle pediu ao presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Amble Dopico, que retire as denuncias contra os mariscadores que o pasado 30 de maio se pecharon no seu despacho como medida de protesta.


4,63/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: