A xestora da nova patronal retrasará unhas semanas a asemblea fundacional que estaba prevista para este mesmo domingo.
A Rede Galega de Empresas organiza este sábado unhas xornadas no Auditorio de Galicia
A nova patronal galega decidiu retrasar un tempo a súa asemblea fundacional. A xestora da Rede Galega de Empresas quere dar a coñecer primeiro o proxecto polas diferentes bisbarras do país. O presidente en funcións, Benigno Pereira, explicoulle a Vieiros que prefiren dar pasos cativos e non acelerar o proceso, que estaba xa previsto para esta fin de semana: "Nós non temos présa e o que queremos é que isto chegue a maior cantidade de xente posíbel". Aínda así, a nova patronal agarda celebrar a súa asemblea fundacional este mesmo verán.
Porén, este sábado a Rede Galega de Empresas organizou en Compostela, en colaboración coa Xunta, unhas xornadas baixo o lema de "Galiza, un novo espazo económico". O obxectivo é darlle a coñecer aos empresarios os incentivos da administración para novos proxectos. Até o Auditorio de Galicia achegáronse preto de 250 empresarios de todo o país.