Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe de ACNUR

Aumenta o número de refuxiados no mundo por primeira vez en cinco anos

Segundo o organismo da ONU, a principal causa do incremento é a guerra de Iraq. Colombia é o país con máis desprazados internos.

Redacción - 08:00 20/06/2007
O número mundial de refuxiados supera os 14 millóns

O número mundial de refuxiados supera os 14 millóns

O número de refuxiados no mundo aumentou por primeira vez en cinco anos e xa supera os dez millóns, segundo alertou o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) con motivo do Día Mundial do Refuxiado, esta cuarta feira.

Ademais, o número de desprazados internos atendidos polo ACNUR en 2006 duplicouse con respecto ao ano anterior, cun total de 13 millóns de persoas. Centenares de miles foron desprazadas o ano pasado dentro do seu país, sobre todo en Colombia, Iraq, Líbano, Sri Lanka, Timor e Sudán. Colombia figura no primeiro lugar neste apartado, con preto de tres millóns de persoas obrigadas a deixaren os seus fogares por mor dos conflitos armados.

O número de refuxiados chegou en 2006 ao seu nivel máis elevado dende 2002, e medrou un 14% con respecto a 2005, é dicir máis outros 1,2 millóns de refuxiados. Unha situación debida en gran parte á presenza, fóra do seu país, de 1,5 millón de iraquís que atoparon refuxio principalmente en Siria e Xordania, observa ACNUR no seu informe, titulado Tendencias mundiais en 2006.

Os afgáns, o maior grupo de refuxiados
Segundo este estudo, os afgáns constitúen o grupo máis importante de refuxiados no mundo, con 2,1 millóns residentes en 71 países diferentes. En segundo lugar están os iraquís (1,5 millóns), seguidos polos sudaneses (686.000), os somalís (460.000) e os oriúndos da República Democrática do Congo e de Burundi (400.000, cada un).

Ademais, tendo en conta os 4,3 millóns de refuxiados palestinos, que dependen da Oficina de Socorro e Obras da ONU para refuxiados de Palestina e Oriente Próximo (UNRWA, nas súas siglas en inglés), o número total de refuxiados supera os 14 millóns de persoas no mundo.

Paquistán é o país que máis refuxiados acolle (2,1 millóns), seguido por Irán. Estes dous estados reciben o 20% do total de refuxiados no mundo, observa ACNUR. Os EUA figuran en terceiro lugar, seguidos por Siria e Xordania, países que aparecen por primeira vez entre os que acollen refuxiados. Preto de medio millón de iraquís atoparon asilo nestes dous países dende a invasión estadounidense, en 2003.


Documentos

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: