Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Alexandro Langtry, presidente da CEF

"Non é Bruxelas, son os sindicatos os que bloquean o naval civil en Navantia-Fene"

A pasada semana os estaleiros ferroláns conseguiron un importante contrato coa mariña australiana. O presidente da Confederación de Empresarios de Ferrol analiza para Vieiros a situación.

Fernando Arrizado - 12:15 25/06/2007
O presidente da CEF, Alexandro Langtry

O presidente da CEF, Alexandro Langtry

Como valoran dende a Confederación de Empresarios (CEF) o pedimento da mariña australiana?
En primeiro lugar, o que se demostra é que Ferrol segue a ser líder mundial na fabricación de fragatas. Mais non só na súa construción, senón tamén na enxeñería. Ponse de manifesto que o know-how dos estaleiros da comarca está considerado de alto nivel. E en segundo lugar, supón unha enorme cantidade de horas de traballo e a necesidade dun incremento da man de obra para levar a cabo o pedimento da mariña australiana.

Beneficia este contrato a unha hipotética volta de Navantia á construción naval civil?

Se no militar queda demostrado que somos líderes, na construción de barcos fóra do que son fragatas ou petroleiros, ábresenos un mercado que colocaría os estaleiros ferroláns nunha situación privilexiada. Somos capaces de elaborar barcos a medida e proxectos específicos, ademais de deseñar novos prototipos. Hai unha experiencia acumulada e unha capacidade técnica que quedou validada con este contrato coa mariña australiana, co prestixio que supón.

Xa que logo, ten futuro a construción de barcos civís?

Cómpre ter en conta que a industria naval asiática está saturada de traballo. Nós defendemos a privatización dos estaleiros de Navantia. O que hai que facer é unha planificación a longo prazo. Hai unha situación que vai ser clave no futuro e que potenciará globalmente a industria naval da comarca: a ampliación do Canal de Panamá.

Esta actuación vai provocar un cambio radical no tráfico mariño mundial. Actualmente, os barcos que viaxan de Asia a Europa utilizan o Canal de Suez e atracan nos portos do sur de Italia ou en Barcelona. Unha vez ampliado o de Panamá, estes mudarán a súa ruta para aforrar xornadas de viaxe; xa que logo, o primeiro sitio ao que chegarán será Ferrol.

Haberá moito máis tráfico marítimo, non si?

Haberá, e é por iso que cómpre facer unha planificación a longo prazo. Ferrol pódese converter nun novo Róterdam europeo, entendendo este como quilómetros e quilómetros de peirao, o que supón o uso do porto exterior e o interior, así como tamén a construción dun outro novo máis, e a conexión cos da Coruña, Vigo e a Mariña.

Mais para lle dar resposta a este tráfico marítimo e poder atraer as empresas á comarca debemos contar cunhas boas infraestruturas. Ás conexións por autoestrada coa Meseta e co norte peninsular que estarán listas nun para de anos debémoslles sumar un AVE que non sexa só de pasaxeiros, tamén que nos una con Francia e con Europa -proxecto previsto polo anterior goberno do Estado e esquecido na actualidade; e tamén a creación de entre oito e dez millóns máis de solo industrial.

É realmente factíbel todo isto?

O problema que existe neste país é que en troques de ir poñendo pedriñas para construír o camiño, aquí faise ao revés: primeiro o camiño, sen planificación previa, e despois bacheámolo. Cómpre estar preparados para as novas circunstancias, por iso é tan importante contar cunhas infraestruturas potentes que nos conecten con Europa e atraian ás empresas á comarca e ao país. E por suposto, aproveitar o que xa temos: a capacidade dos nosos estaleiros que son dos mellores do continente; por exemplo, os de Ferrol teñen un calado de 30 metros, mentres que os de Róterdam só teñen 12.

Que opinión lles merece o proxecto do estaleiro de Barreras, defendido pola Consellaría de Industria, para reactivar a construción naval civil en Navantia-Fene?

Calquera proxecto que mire polo desenvolvemento da comarca ten o noso apoio, e este é un proxecto estupendo, que demostra que hai estaleiros galegos interesados nas instalacións de Navantia. Porén, consideramos que de ser o caso debería de haber un concurso público onde calquera empresa poida presentar o seu propio proxecto.

Que impide que en Navantia-Fene se constrúan barcos civís?

No seu momento cando a liquidación de IZAR, acordouse que todos os estaleiros civís fosen privatizados. Mais a presión sindical e dalgúns partidos, así como apoio da anterior Xunta, provocou que o goberno español asinase un documento coas centrais -coido que UGT e CCOO- pola que se garantía que Navantia-Fene ficaría na construción naval militar, no sector público. Polo tanto é falso que sexa Bruxelas a que impida a volta á construción naval civil.

Que ten que ocorrer para que isto cambie?

Daquelas, Bruxelas comprometeuse a ratificar o acordo entre o goberno do Estado e os sindicatos, polo tanto, para conseguir o permiso europeo para Navantia-Fene, cumpriría unha reedición deste pacto mais noutros termos, é dicir que os sindicatos e a SEPI estivesen de acordo en que nos estaleiros de Astano se constrúan barcos civís.


4.14/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: