Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Sexta edición

Festigal 2007: dous días de cultura en Compostela

Concertos, exposicións, literatura e audiovisual poderanse ver durante o Día da Patria na capital de Galiza.

Redacción - 13:20 25/06/2007

O 24 e o 25 de xullo vólvese celebrar o Festigal, que chega á súa sexta edición. Dende a véspera do día da Patria, e coincidindo coas festas patronais de Santiago, poderanse ver na capital de Galiza todo tipo de manifestacións culturais do país e tamén doutras nacións do mundo.

O Festigal, xa consolidado despois de cinco edicións, pretende ser un escaparate para o intercambio cultural con propostas artísticas e musicais. Deste xeito, será un auténtico maratón de dous días, de balde e aberto a todos os públicos no campus universitario Sur de Compostela.

Concertos
A parte musical do programa, aínda sen confirmar de vez, estará formada por un concerto dedicado á xente máis nova, o 24, e outro para un público máis diverso o 25. A primeira xornada está prevista a presenza dos coruñeses Loretta Martin, que fan funk rock en galego; Babylon Circus, coa súa mestura de reggae, ska, jazz e música tradicional da Europa do Leste e que chegan de Francia, e o tamén francés Dj Missill.

A xornada do Día da Patria subirá ao escenario a caboverdiana Nancy Vieira, nomeada por moitos como a sucesora de Cesária Évora. Ademais, polas tardes, desenvolverase un café concerto.

Máis cultura
Paralelamente, poderase asistir a outro tipo de manifestacións culturais: na galería das Ideas terán lugar mesas redondas sobre Conflitos e cambios na globalización, amais dunha tertulia sobre actualidade sociopolítica onde participarán políticos e xornalistas. Na galería das Letras estarán Manuel Rivas, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Suso de Toro, Inês Pedrosa e Carlos Meixide, entre outros, asinando exemplares dos seus libros, e tamén se desenvolverán recitais poéticos e exposicións relacionadas coa literatura.

A programación do Festigal estará composta tamén pola galería Audiovisual, que terá a súa sede na Sala Nasa. Nela, proxectaranse obras audiovisuais, entre as que poderían estar curtas premiadas no Festival de Cans e nos Premios Mestre Mateo, ademais de producións da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Tecnoloxía e exposicións
O festival contará tamén coa exposición Queremos coñecernos, sobre a traxectoria de mulleres senlleiras do país, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade, e mais a galería da Ciencia e das Novas Tecnoloxías, cun espazo dedicado ao software libre e á cultura científica. Durante as dúas xornadas tamén haberá lugar para a artesanía, as asociacións e actividades para o público infantil.

A organización aspira a superar os 20.000 visitantes e a situar nos 20.000 metros cadrados de superficie 25 postos de artesanía, 15 de hostalaría, 160 tendas de campaña e máis de 200 colaboradores. A apertura está prevista para o día 24 ás once da mañá e a inauguración da web do festival, o día 1 de xullo.

Este é o vídeo de Manu, de Nancy Vieira:


4.25/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: