Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segundo o relator especial para a Vivenda

A ONU advirte de que o Estado español afronta unha "grave crise inmobiliaria"

"O principal problema é que a poboación dedica máis do 40% do seu salario ao pago de hipotecas", afirma Miloon Kothari.

Redacción - 18:15 26/06/2007
O relator de Vivenda da ONU, Miloon Kothari / Foto: rinzewind.org

O relator de Vivenda da ONU, Miloon Kothari / Foto: rinzewind.org

O relator especial da ONU para a Vivenda, Miloon Kothari, recomendoulle este martes ao goberno español que alerte abertamente aos cidadáns e aos investidores de que o Estado "afronta unha grave crise" inmobiliaria.

"O goberno español traballa no bo camiño, mais debe intervir máis no mercado e informar claramente de que nuns anos chegará unha grave crise que afectará a grande parte da poboación", declaroulle á axencia EFE o experto de Nacións Unidas.

Relación coa violencia no fogar
"O principal problema da vivenda é que a poboación dedica máis do 40% do seu salario ao pago de hipotecas", explicou, e amosou o seu temor a que esa elevada porcentaxe teña un efecto directo no goce doutros dereitos humanos, como o "acceso á educación, á alimentación ou á roupa".

Neste senso, apuntou que a alta taxa de violencia no fogar que se rexistra no Estado español, "das máis altas de Europa", está "directamente relacionada co problema de accesibilidade". "Se as mulleres non tivesen tan difícil acceder a unha nova vivenda, sentiríanse máis libres para saíren do seu contorno, e iso contribuiría enormemente a mellorar a súa situación", explicou.

Ocupación de pisos baleiros
Para Kothari, "a solución non pasa por incrementar o chan edificábel, porque o prezo ao que sae á venda inclúe as expectativas de revalorización, co que mesmo para o sector público resulta difícil adquirilo".

Por iso, avogou por intervir no sector a través do control da especulación, da ocupación das vivendas baleiras e da redución dos prezos dos inmóbeis sociais, que "adoitan ser demasiado elevados para a poboación de ingresos máis baixos".

Ademais, "a promoción de vivendas está restrinxida a poucos actores, que se reparten ganancias astronómicas", así que habería que abrir o mercado a novos promotores, que se encarguen de dinamizar o mercado, especialmente para os mozos e en réxime de aluguer.

Cidades españolas
Cómpre ter en conta que o informe de Kothari ten en conta o estudo dos casos de Barcelona , Bilbo, Donostia, Madrid, Almería, El Ejido, Roquetas de Mar, Sevilla e Zaragoza, mais de ningunha cidade ou vila galegas.


4,5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: