Christian Matthies ameazara a empresa con revelar as máis de corenta deficiencias de seguridade se non se resolvían a tempo.
Un hacker alemán, Christian Matthies, recibiu unha camiseta e unha nota de agradecemento na web de Google por ter descuberto máis de corenta fallos que ameazaban a seguridade do portal de vídeos YouTube.
Matthies descubrira as deficiencias xa hai un par de meses, e informara do perigo ao xigante estadounidense a través do correo electrónico. Pero, ao ver que non recibía resposta, e que a páxina seguía a introducir novidades sen corrixir os fallos, o informático alemán ameazou o xigante estadounidense con facer públicos eses buratos de seguridade e deixar o YouTube exposto aos ataques dos piratas.
Poucos días despois do ultimato de Matthies, o departamento de seguridade de Google púxose en contacto con el para resolver todas as vulnerabilidades. O hacker tamén recibiu a promesa da empresa de que no futuro se lles dea unha mellor resposta ás persoas que atopen fallos nas súas aplicacións.
Como contrapartida, Google incluíu o seu nome na listaxe de agradecementos da súa páxina de seguridade, e agasallouno cunha camiseta, aínda que Christian non especifica se é como as que vende a propia empresa na súa páxina. Nos comentarios do blog, os lectores de Matthies amosan a súa sorpresa polo feito de que unha compañía que gaña miles de millóns de dólares lle fixese un regalo tan cativo e propoñen que Google lle ofreza un emprego.
Pola súa banda, Christian parece satisfeito simplemente polo feito de que se solucionasen os fallos e que, a partir de agora, se teñan máis en conta as suxestións dos hackers.