Revistas como Suevia, Galicia, Alborada ou Alalá foron analizadas, recompiladas e publicadas en formato CD polos investigadores da institución.
O Centro Ramón Piñeiro recuperou en formato CD varias publicacións da prensa galega emigrante de comezos do séculos XX. O traballo, dirixido polo profesor Luís Alonso Girgado, inclúe o semanario ilustrado Galicia, as revistas musicais Alalá, Alborada, Alén Mar e Lar Galicián e mais a publicación rexionalista Suevia.
A revista Galicia, fundada por Vicente López Veiga, publicouse na Habana de 1902 a 1930. A edición rescatada polo Ramón Piñeiro incorpora índices e un estudo preliminar. Neste destácase a importancia do semanario e dos seus autores na historia cultural do país. A investigadora María Vilariño Suárez, que traballou na recompilación, agradeceu a colaboración do Instituto de Literatura e Lingüística da Habana e da Biblioteca Nacional José Martí, onde se gardan os exemplares.
As cabeceiras Alalá, Alborada, Alén Mar e Lar Galicián editáronse na Arxentina na primeira metade do século XX. Todas elas cunha importante presenza da nosa lingua, estaban dedicadas á divulgación musical e cultural. Por último, Suevia, fundada en Bos Aires en 1913 e dirixida por Joaquín Pesqueira, caracterizouse pola súa loita reivindicativa por Galiza dende un punto de vista rexionalista.
Estudo sobre Amador Montenegro
Así mesmo, o Centro Ramón Piñeiro presentou un estudo e recompilación da obra narrativa de Amador Montenegro Saaavedra, escritor nado en Compostela en 1864 e que morreu en Lugo en 1932. O traballo estivo realizado por Isabel Mociño, lectora de galego na Universidade de Euskadi, e por Eulalia Agrelo, profesora na Universidade de Deusto, baixo a dirección de Modesto Hermida.
Montenegro foi un dos autores do Rexurdimento que máis se preocupou por facilitar o acceso á lingua, con obras de fábulas e contos. Tamén foi o primeiro académico que fixo un discurso integramente na nosa lingua ao ingresar na RAG.