Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Eleccións lexislativas

Timor-Leste decide o seu novo Parlamento en medio da inestabilidade

Ao redor de 600 mil electores escollen os 65 deputados que determinarán a composición do IV Goberno Constitucional timorense.

Redacción - 09:30 30/06/2007
O ex presidente de Timor-Leste, Xanana Gusmão

O ex presidente de Timor-Leste, Xanana Gusmão

Preto de de 600 mil electores acoden este sábado ás urnas para elixiren o novo Parlamento de Timor-Leste, no medio da inestabilidade política e tras unha campaña electoral marcada polas violentas pelexas entre partidarios dos dous principais partidos.

Logo de dúas xornadas de enfrontamentos que deixaron preto dunha trintena de feridos, e da destrución de varias decenas de casas en Dili, así como noutras localidades, para os partidos achégase a hora de pugnar nas urnas.

"Apelo a toda a xente a que vaia aos colexios electorais o día das eleccións para elixir aos líderes que nos van a representar no Parlamento nacional", dixo o presidente de Timor-Leste, José Ramos Horta.

CNRT e Fretilin, favoritos
Malia presentárense aos comicios 14 partidos e coalicións, aparentemente só o Congresso Nacional de Reconstrução de Timor-Leste (CNRT), do lendario líder guerrilleiro, premio Nobel da Paz e ex presidente Xanana Gusmão, e a Frente Revolucionária do Timor-Leste Independente (Fretilin), que encabeza o seu rival e ex primeiro ministro Mari Alkatiri, teñen probabilidades de acadar a vitoria.

"A experiencia ensinounos que o partido que gaña as eleccións métese en problemas, e por iso suxiro que o partido gañador invite a outros a formar unha coalición de goberno", manifestou Ramos Horta a véspera da votación.

Gusmão e Alkatiri, que loitaron na mesmo fronte política durante os 24 anos que durou a ocupación de Timor-Leste por parte de Indonesia, fóronse distanciando progresivamente dende que o territorio declarou a súa independencia o 20 de maio de 2002.

Enfrontamentos de xuño de 2006
"Durante os cinco anos de Fretilin, Alkatiri foi o grande xefe dun goberno errado", dixo Gusmão nun dos últimos mitins da súa campaña electoral.

O ex primeiro ministro Alkatiri, un dos poucos políticos timorenses que non adula a Gusmão, a quen moitos concidadáns ven como un heroe, dimitiu en xuño do ano pasado tras os enfrontamentos librados por efectivos da Policía e do Exército logo de que un sector deste último denunciase ser obxecto de discriminación por seren orixinarios da rexión occidental. O conflito deixou trinta mortos e obrigou a unhas 155.000 persoas a fuxiren dos seus fogares.

A maioría das 523.000 persoas con dereito a votar espera elixir un goberno capaz de pechar a crise aberta hai máis dun ano, e restabelecer a unidade nacional que existía cando os timorenses alcanzaron a independencia.

Sen maiorías absolutas
Segundo os analistas, ningún partido conseguirá os 33 escanos que fan falla para alcanzar a maioría no Parlamento, formado por 65 asentos.

Preto de 3.000 membros da forza de pacificación que Nacións Unidas mantén no territorio e 500 observadores internacionais supervisarán os comicios, que teñen lugar tras as dúas voltas das eleccións presidenciais celebradas en abril e maio deste ano.

O Fretilin triunfou nas eleccións de 2001 co 57% dos votos válidos emitidos e volveu demostrar a súa ampla base popular na primeira volta das presidenciais do pasado 9 de abril, cando o seu candidato resultou o máis votado co 27,89%. Porén, perdeu por unha ampla marxe na segunda volta, o 9 de maio.


4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: